Opinión

A carballeira e a fraga

Carballeira e santuario da Clamadoira (Muíños, Ourense).
photo_camera Carballeira e santuario da Clamadoira (Muíños, Ourense).

A pasada semana un amigo manifestaba a dificultade que temos para distinguir entre a carballeira e a fraga. E non é raro, porque a relación entre os humanos -en especial os máis imbuídos na cultura urbana-, e o medio natural antóllase distante. Nunha primeira definición, tanto a carballeira como a fraga foron espazos naturais. No primeiro caso, é un bosque no que predominaban os carballos, mentres que no  segundo, a variedade de especies arbóreas soe ser moito maior, cunha biodiversidade que lle outorga un alto valor ecolóxico.  

A fraga é -sobre todo foi- a representación do espazo salvaxe, non domesticado, que se contrapón coa paisaxe cultural. Ambos representan a dualidade primixenia entre o “saltus” e o “ager”. O primeiro é o non cultivado, o inextricable, inhóspito e non controlado, o fogar das feras e da matogueira. O ager, pola contra, é a paisaxe creada e controlada por nós, o territorio cultivado, modelado e aprehendido. Noutras palabras, a dicotomía ager/saltus é a mesma que natureza/cultura. A modo de paréntese, permítanme expresarlles que o concepto “salvaxe” que utiliza a antropoloxía, e por extensión aplicamos os prehistoriadores, ten que ver coa idea de natural, non con significados que a aproximan á ignorancia, incluso á crueldade. Deste modo,   a contraposición máis doada do saltus, do espazo salvaxe, sexa a de domesticación. Seica estamos habituados aos animais domésticos en contraposición cos salvaxes, coas feras. Menos familiarizados coa idea das plantas domesticadas, aínda que o son case todas as que cultivamos, porque a maioría foron tratadas con procesos de hibridación ao longo da historia. Sen embargo, non nos acostumamos á idea das paisaxes domésticas, aínda que a inmensa maioría, sobre todo na vella Europa, son o produto de intervencións sucesivas para adaptalas ás necesidades humanas. Iso demostra que o dominio urbano non ten a exclusividade das  paisaxes culturais e domésticas, se non que ademais forman parte do noso rural. E digo isto porque non poucos habitantes das cidades identifican o mundo  campesiño co espazo natural, incluso ecolóxico, mentres que a cidade representaría o reino do artificial, case do antiecolóxico. Na tradición, a fraga representa a paisaxe primixenia. Non é casualidade que moita literatura infantil transcorra nese mundo primario e salvaxe: Carapuchiña Vermella, Brancaneves, Hansel e Gretel, ogros, lobos, trasnos, meigas e outros seres que a habitan. Nos estudos sobre a prehistoria, as fragas simbolizan o universo dos cazadores e colectores paleolíticos, ata que son substituídas polas paisaxes agrarias neolíticas.

Coa milenaria transformación da fraga en carballeira esta case se converte en territorio doméstico. Son escenarios para as romarías, normalmente co seu santuario non poucas veces inseparable da propia carballeira, lugares onde conviven a relixión e as relacións sociais propias do ciclo festivo, pasando a formar parte dos espazos domesticados. Incluso cando a fraga se vai deteriorando e vai perdendo a biodiversidade, sobre todo pola expansión humana, no é raro que conservemos unha parte residual para o noso uso humano, transformándoo en carballeira. Son procesos moi vellos que recoñecemos dende o Neolítico, co descubrimento da agricultura e gandaría, actividades que crean pastos e cultivos gañados ao bosque, á fraga. Así a carballeira é un reduto onde aínda se manifesta o salvaxe fronte ao domesticado. Tamén, acaso, o profano fronte o sagrado, o caos fronte á orde.

Te puede interesar