Opinión

Cen

O texto que agora están a ler, é a miña colaboración número cen no xornal La Región. Tal circunstancia, aínda que os números non deixen de ser unha mera convención abstracta da realidade, sempre induce a facer algo sinalado, se ben o resultado sempre dependerá de cada lector. Os escritos adoitan ter dous donos: o autor e o lector. Aínda así, permítanme que escriba sobre un tema polo que algúns de vostedes me coñecen dende hai anos, a xestión da arqueoloxía municipal, que exerzo dende a responsabilidade do Departamento de Arqueoloxía do Concello de Ourense. Expresalo non é doado, porque na nosa comunidade autónoma é a Xunta de Galicia a que ten as competencias exclusivas en arqueoloxía, a que toma as decisións últimas. Pero tentareino explicar neste pequeno espazo. A ver se o consigo.

Comezo dicindo que á arqueoloxía municipal corresponderíalle desempeñar importantes funcións, tanto de xestión como -incluso- de investigación. En primeiro lugar, ofrece unha “protección coordinada” dos xacementos entre o concello e a Administración autonómica. Os arqueólogos municipais proporcionamos información arqueolóxica de Ourense, ademais de propostas apoiadas nas normativas particulares, caso dos plans especiais, antes de que aquela institución decida sobre un asunto arqueolóxico. En segundo lugar, é un “engrenaxe intermedio” nesa protección, porque actúa entre a administración autonómica, o xacemento, o arqueólogo profesional e o administrado, habitualmente un cidadán que fai unha obra que afecta a un xacemento. Finalmente, proponlle a Patrimonio, da Xunta, a posibilidade de edificar, ou se hai que protexer algún ou todos os restos que poidan aparecer nunha escavación preventiva. Unha terceira -máis característica que función- é a “proximidade cos contextos arqueolóxicos”, xa que o ámbito de actuación, o municipio, propicia o contacto case permanente co terreo e cos xacementos.

A cuarta é contribuír á “consolidación da arqueoloxía preventiva”, seguramente a función máis importante do arqueólogo municipal, porque valora a incidencia das obras nas zonas arqueolóxicas e, apoiándose precisamente nas normativas de planificación urbanística, establece medidas preventivas, habitualmente un proxecto arqueolóxico. Este paso tan sinxelo, que consiste en executar un proxecto arqueolóxico adaptado ao tipo de obra, é a base da historicamente demandada “arqueoloxía preventiva”, que foi tan difícil de conseguir ata que a protección arqueolóxica formou parte dos plans urbanísticos. Iso conduce a unha quinta finalidade, a excepcionalidade da arqueoloxía de urxencia, aquela etapa na que só cabía paralizar as obras cando aparecían restos arqueolóxicos. En sexto lugar, a arqueoloxía municipal contribúe a dar un paso esencial cara a arqueoloxía urbana, porque persegue transformar un grupo heteroxéneo de escavacións de solares urbanos, nun estado da cuestión da historia da cidade de Ourense. Iso complétase coa publicación de sínteses arqueolóxicas sobre a orixe e evolución da nosa urbe. E, finalmente, “producir investigación da tramitación administrativa”. O meu obxectivo particular é facilitar o paso da tramitación á investigación. Sen ser esta a meta que persegue a administración, considero imprescindible dotar á xestión arqueolóxica municipal de modelos teóricos que permitan extraer investigación da xestión administrativa.

Dende a experiencia como arqueólogo municipal vexo que a planificación urbanística é a ferramenta máis útil para protexer o patrimonio arqueolóxico. A correcta salvagarda dos xacementos é froito do saber profesional que proporciona a arqueoloxía xunto co respaldo protector que outorga a planificación urbanística. Pero nunca comprendería esta xestión se non permitise a investigación.

Te puede interesar