Opinión

Crucifixión

A Semana Santa conmemora o martirio -paixón-, morte e resurrección de Xesucristo, fundador da relixión máis estendida no planeta. Conta na actualidade cuns 2.400 millóns de seguidores, dos que case 1.400 millóns son católicos. Así, non é de estrañar que o ciclo ritual cristián dea solución de continuidade á roda de tempo físico co que vivimos, unha secuencia ininterrompida de días moi semellantes entre si. En apenas catro meses asistimos á celebración dun nacemento e unha resurrección sobrenaturais, previo axustizamento por un dos poderes máis importantes do mundo antigo: o imperio romano.

Independentemente da marxe temporal no que deberon acontecer aqueles feitos que recolle o historiador romano Tácito, case contemporáneo dos acontecementos, algúns estudos sitúan o nacemento de Xesús entre o 6 e o 4 a. de C., e a morte entre o 30 e o 36 d. de C. O primeiro, no tempo de Augusto e o segundo, con Tiberio. Agora, nesta Semana Santa, veremos algúns apuntes históricos sobre o terrible axustizamento por crucifixión, un dos suplicios máis atroces que aplicaron os romanos como pena de morte. Antes xa a practicaron os persas, fenicios, cartaxineses e gregos. Os romanos o empregan para castigar delitos cometidos por persoas que non eran cidadáns de Roma e, sobre todo, que vulneraban os valores esenciais do Estado, especialmente a rebelión. Son famosas as crucifixións colectivas dos escravos do derrotado exército de Espartaco, ou as de xudeus despois da conquista de Xerusalén por Tito no ano 70 d. de C., segundo narrou o historiador Flavio Josefo en “A guerra dos xudeus”. Pero pese ás numerosas representacións cristiáns, non coñecemos con certeza a forma concreta de fixar o condenado á cruz. Incluso a forma da de Xesús, porque utilizáronse varios tipos: “a crux decussata” ou cruz de Santo André tiña forma de “X”, a “crux commisa” o de Santo Antón, con forma de “T”, ou a “crux immissa” ou cruz latina, un fuste e outro madeiro atravesado sobresaíndo parte do primeiro pola zona superior. A referencia á colocación do cartel -“titulus crucis”- coa suposta sigla INRI -“Iesvs Nazarenvs Rex Ivdaeorvm”- puidera ser indicio de que fose a “crux immissa”, se ben non é unha proba definitiva. A crucifixión ía precedida da flaxelación, cun “flagrum taxillatum”, látego con varias correas de coiro e armadas nas puntas con bolas de chumbo e osos con arestas cortantes, cuxa función era desgarrar a pel. Existen achados arqueolóxicos da época de Xesús que demostran esta condena. Célebre é o da necrópole de Giv’at ha-Mitvar, en Xerusalén. Alí apareceron os restos dun crucificado, de nome Yehohanán, co calcáneo atravesado por un cravo que o suxeitaba a un madeiro de oliveira. Chegouse á conclusión que fora crucificado cun cravo por cada pé que o suxetaba ao fuste de madeira -“stipes”- da cruz. Posiblemente os brazos suxeitábanse ao madeiro transversal -“patibulum”- con outros dous cravos que atravesaban os ósos dos pulsos. Yehohanán mostraba ademais as tibias fracturadas como resultado do “crurifragium”, un golpe de gracia para acelerar a morte do condenado dado que, ao non poder utilizar as pernas como apoio, era moi difícil respirar, polo que a morte era máis rápida.

Esta conmemoración cíclica, como outras civís ou relixiosas, nos axudan a entender que as liturxias colectivas son, ademais, parte inseparable da noso mundo cultural.

Te puede interesar