Opinión

Canedo e Ourense


As investigacións arqueolóxicas, como calquera outra de tipo histórico, delimítanse con dúas coordenadas: o espazo e o tempo. Vostedes sábeno ben porque, aínda que pareza a verdade de Perogrullo, nun mesmo espazo ocorreron cousas distintas en tempos diferentes, e no mesmo tempo poden suceder acontecementos dispares en lugares distintos. Así, para que calquera investigación no noso campo teña sentido, debe estar sempre definida dentro de parámetros espaciais e temporais. Estes estudos teñen a finalidade de coñecer o pasado e, ademais, de protexer os xacementos. Para iso localízanse os lugares arqueolóxicos que, dende hai décadas, inclúense nos plans urbanísticos co fin de xestionar a súa salvagarda. 

Ourense é o concello principal do val homónimo. Podémolo delimitar facendo un percorrido que, dado o espazo dispoñible nestes “Diarios do Pasado”, será breve. Comezamos na igrexa de Reza e subimos ao alto de Santa Ladaíña coa súa capela. Seguimos polos altos de “Nom de Deu” -ou das Pipileiras- e de Barbadás. De aquí viramos ao leste cara ao de San Cibrao das Viñas, continuamos por riba do Piñeiral, Seixalbo e Bemposta ata o Cumial. Camiñamos cara o norte polos límites do val ata Santa Mariña do Monte, os altos de Montealegre e Ceboliño para chegar ao río Loña. Na outra beira subimos polo castro de San Tomé e o monte dos Canivelos. 

De novo, o Miño no encoro de Velle. Na ribeira norte subimos a Costa de Cudeiro, Vilar de Astrés e, finalmente, Tarascón, na ribeira oposta de Reza, onde iniciamos o paseo. Estes lugares delimitarían aproximadamente o val de Ourense, case todo el no noso termo municipal. Pero non foi sempre así. Ata 1943 o territorio que hoxe ocupa na beira norte do Miño, era outro municipio, o Concello de Canedo. A fusión que se materializou naquel ano, expandiu o pequeno termo municipal de Ourense máis do dobre da súa extensión. Aí van uns datos: actualmente o municipio de Ourense ten uns 85,20 km², dos que Canedo aportou 49,90  km² , máis do 58 %. Deparen que a superficie de Ourense antes da fusión non chegaba aos 36 km². 

Outro asunto esencial foi o incremento de poboación. O censo de 1940 daba unha poboación municipal de 28.397 habitantes, mentres que o do ano 1950, sete despois da anexión, ofreceu a cifra de 55.574. Esencial para Canedo, tamén para Ourense, foi a chegada da primeira liña do ferrocarril de Vigo a Ourense en 1881 e, despois, a estación Ourense-Empalme, inaugurada en 1952 e reinaugurada en 1957, xunto co viaduto, para dar servizo ao novo tramo Puebla de Sanabria-Ourense. Estes fitos viarios transformaron Canedo, converténdoo nun próspero lugar de comerciantes e almacenistas. 

Volvendo a mirada sobre os xacementos, o novo territorio que gañou Ourense conta con numerosos e importantes lugares arqueolóxicos dende a prehistoria máis lonxana. Os achados de ferramentas talladas paleolíticas, distribúense por amplas zonas, entre elas, o entorno do Toco do Raposo, en Arrabaldo, das Eiroás, Regoalde -Santa Baia de Beiro-, nas Medornas -Castro de Beiro-, no vertedoiro das Eiroás ou en Punxín. Tamén o antigo termo municipal de Canedo achega os principais monumentos megalíticos ao catalogo arqueolóxico ourensán coas mámoas de Punxín, en Palmés, e das Madornas, en Castro de Beiro. De diversas etapas históricas son os petróglifos, se ben as máis antigas manifestacións de arte rupestre puideran ser as de Punxín, Tarascón ou do Raposo, en Vilar de Astrés, que se remontarían á Idade do Cobre, aínda que existen gravados rupestres que poden pertencer a épocas máis tardías. Outra importante contribución de Canedo son os castros, asentamentos fortificados da Idade do Ferro. Coñecemos os de Oira, Castro de Beiro, Valdegola e Madrosende. E como non, o asentamento romano de Reza Vella, en parte destruído pola obras do ferrocarril, ou os achados da mesta etapa do Outeiro de Cudeiro, da Mora ou a escultura do “togado” de Arrabaldo. Non faltan necrópoles e sartegos medievais -San Mamede ou O Fontelo- e, incluso, vellos mosteiros e santuarios como os de Reza Vella, Requeixo ou Santa Comba de Naves.  

Todo o anterior, como outros xacementos que non citamos agora, son os numerosos elementos con que Canedo contribuíu ao patrimonio cultural de Ourense. Sen dúbida, un motivo para  felicitarmos todos.

Te puede interesar