Opinión

Espazos-tempos imaxinados

A vida é unha sucesión de altibaixos vitais e emocionais e, das especies coñecidas, o ser humano é o único pensante e consciente da relación de si mesmo co mundo e da súa propia existencia. Ou polo menos nós, os “sapiens”, somos os que estamos dotados da consciencia máis elevada. Se a iso engadimos as innatas capacidades sociais, entendemos que existan sociedades tan diferentes como as culturas que as desenvolven, iso si, todas co denominador común de atender aos valores e crenzas de cada unha. Tales preceptos cúmprense só nas sociedades democráticas. Incluso dentro delas poden existir reveses, deturpacións do propio sistema que poden conducir a situacións non desexadas. Como dicía o admirado Bernard Shaw, “a democracia é o sistema que garante que non sexamos gobernados mellor do que nos merecemos”. Os políticos nacen e medran no noso sistema, e nós somos os que os que os escollemos, polo que a queixa debe deixar lugar á reflexión. Pero este asunto daría de si para un artigo monográfico que nos vamos tratar agora.

Os arqueólogos e historiadores estudamos as sociedades pasadas coa pretensión, nada fácil, de comprender o funcionamento, as causas que as orixinaron e a súa desaparición ou transformación nuns espazos xeográficos concretos. Pero os humanos tamén creamos no noso imaxinario, preferentemente no mundo literario, outro tipo de sociedades que non existiron, formadas por xentes que habitaron -ou habitarán- lugares e tempos fantásticos, algúns deles inspiradores de ideoloxías políticas que no século XX causaron grandes calamidades. Seguro que lles soan todas, e nada teñen que ver coa historia máis alá de coincidencias, ás veces desafortunadas ou interesadas por parte de grupos políticos. De forma moi breve, comecemos pola “Arcadia”, nome tomado dun territorio real da Antiga Grecia, situado na península do Peloponeso. Estivo habitado por pobos prehelénicos -literariamente coñecidos como “pelasgos”-, con economía fundamentalmente pastoril. Pero foi a partir da novela do mesmo nome, escrita polo intelectual renacentista Jacopo Sannazaro, cando tomou ese valor de sinxeleza da vida pastoril onde reinaba a paz de xentes bucólicas que viven moi próximas á natureza. É unha sociedade e lugar totalmente recreados, onde a felicidade se asocia cun tempo antigo, xa desaparecido. Non deixa de ser a metáfora do Paraíso Perdido. Outra comunidade ideal, e en certo modo semellante da anterior, é a “Utopía”. Trátase dunha sociedade que imaxinamos coas mellores cualidades do noso ser, polo que sería perfecta para as relacións humanas. O nome provén da obra de Tomas Moro publicada en 1516 que no título -“Libriño autenticamente dourado, non menos beneficioso que divertido, sobre o mellor estado dunha república e da nova illa de Utopía”- inclúe esta palabra que pasou á posteridade para definir a unhas sociedades tan idealizadas e cunha organización tan perfecta que é imposible levalas á efecto. Trataríase entón dun espazo-tempo perfecto a conseguir para o futuro e, ao contrario que a Arcadia, un paraíso que está por construír. E fronte a Utopía, a “Distopía”. O nome ten orixe no antónimo da colectividade perfecta. Trátase dunha sociedade, tamén imaxinada, que reúne todas as cuidades indesexables para o ser humano e da que son características a tiranía, a represión ou a deshumanización do individuo por un estado omnipotente. Aínda que con estas características vostedes pensarán nalgunhas sociedades actuais, as distopías aparecen en diversas obras literarias fantásticas. Son referencias sobradamente coñecidas “Farenheit 451”, de Ray Bradbury, ou “Un mundo Feliz”, de Aldous Huxley. Como punto final a estes espazos-tempos imaxinados, non quero deixar de citar a “Ucronía”, palabra creada por Charles Renouvier en 1857. Poderiámola definir como unha ficción histórica, unha reconstrución baseada nun feito alternativo, que non ocorreu, pero que puido ser posible, modificando totalmente a realidade a partir de episodios hipotéticos. Son ucronías recorrentes a vitoria de Hitler na Segunda Guerra Mundial ou a da II República na guerra de 1936. Eses feitos imaxinados ou que sucederon doutra forma chámanse “puntos Jonbar”, e a partir deles se constrúe cada ucronía.

Situacións pseudohistóricas como as que vimos, adoitan nacer na busca de anhelos, incluso de temores sociais que crean sociedades ficticias, algunhas idílicas, como as arcadias ou as utopías, e outras temibles, como as distópicas. Pero nada hai como a investigación histórica para coñecer o pasado e, no posible, cimentar o futuro.

Te puede interesar