Opinión

Unha evocación e unha imitación de arquitecturas medievais

Edificios actuais de Irmáns Villar 11A e Primavera 1.
photo_camera Edificios actuais de Irmáns Villar 11A e Primavera 1.

Houbo dous edificios con tipoloxía medieval na cidade antiga de Ourense que desapareceron. Resistiron o paso dos séculos ata que se substituíron por sendos inmobles que ofrecen solucións arquitectónicas moi distintas, criterios teóricos e edilicios diferentes. Un estaba na rúa dos Irmáns Villar, no lugar onde se ergue o actual número 11A. Poden ver unha fotografía del na páxina 74 do libro de Olga Gallego Domínguez “A cidade de Ourense. Unha visión a través dos séculos”. Do outro, na rúa da Primavera 1 en esquina coa praza de San Marcial -hoxe unha panadería-, non podo conservar sequera unha tenue imaxe na memoria. Esas arquitecturas, cunha característica tradición tipolóxica medieval, e quizais orixe na mesma etapa histórica, tiveron en común uns distintivos voos ou balcóns pechados, que ían sobresaíndo de forma progresiva na fachada principal a medida os pisos gañaban en altura. Pero as dúas compartiron o inmisericorde destino da demolición. E falo destes porque os novos edificios que os supliron responderon a dous proxectos arquitectónicos diferentes, case diría opostos. Vexamos como interpretamos as propostas teóricas que guiaron as dúas novas construcións.

Comezamos co da rúa da Primavera 1, que na fachada principal recuperou un dos cinco antigos escudos de Ourense que coñecemos. Como dicía, de momento non puiden acceder á documentación histórica do edificio. No actual, unha atrevida composición arquitectónica, cremos adiviñar a explicación: o rechamante frontispicio metálico e acristalado intenta lembrar aquelas arquitecturas medievais, por medio de dous voos, volumes pechados que sobresaen na fachada, evitando reproducir, como prohibe a lexislación de patrimonio cultural, antigos estilos históricos. Os lectores que me coñecen saben que cando teorizo nunca invoco o “gusto”, factor que considero estritamente persoal e irrelevante para a investigación, se non o “criterio”. Dito isto, vemos no edificio unha intención de evocar o medievo, agora interpretado cunha solución contemporánea que non pasa desapercibida. O outro inmoble é o da rúa dos Irmáns Vilar 11A, por onde teñen a saída traseira as Galerías Dorzán. A solución construtiva que proseguiu á demolición imitou a fachada medieval. Non busquei a data da obra, pero moito recorda o edificio da fronte occidental da praza do Trigo, o que fai esquina coa das Damas. As dúas solucións, Primavera 1 e Irmáns Vilar 11A, nos deben poñer en alerta ante a aplicación das normativas do patrimonio cultural con fundamentos ahistóricos. Neste caso, a que prohibe os voos pechados na cidade antiga, supoño que para evitar semellanzas cos que se prodigan nos ensanches urbanos. Pero se interpretamos a legalidade de forma tan estrita, con actitudes que cualificaría de “normópatas”, incluso impediremos a consolidación das fachadas de tradición medieval como as que citamos.

Creo que as interpretacións extremas e non particularizadas das normativas, especialmente sen ter en conta a historia, pode producir efectos contrarios á protección do patrimonio. É o “principio da barra de xeo”: se a utilizamos de forma desaxeitada, en vez de arrefriar, pode chegar a queimar. De sobra coñecen o antigo Café Victoria, na avenida de Pontevedra. Imaxinan demoler os azulexos porque algunhas normas puideran prohibir a súa utilización nas fachadas da zona antiga?. Categoricamente non! E non se trataría de contradicir a lei, se non interpretala con criterios históricos para protexer o patrimonio construído. Iso tamén é arqueoloxía.

Te puede interesar