Opinión

Feísmo

O debate sobre o “feísmo” sempre está na palestra, magnificando un suposto fenómeno social que difunden os medios e as redes sociais. Soen ofrecer un mostrario de esperpentos ante a estupefacción dunha sociedade que cre que nada a une con eses profanadores do bo gusto,  visión que nos parece moi simple e parcial e, en consecuencia, nada crible. A profesión de arqueólogo, que en aparencia nada ten que ver co asunto, me anima a reflexionar sobre el. Xa C.J. Thomsen e máis tarde D. L. Clarke, demostraron que os restos de calquera época, os “artefactos”, son elocuentes, ben polos materias e técnicas con que se elaboraron -atributos específicos-, como polas causas e contextos que propiciaron a súa fabricación e uso -atributos contextuais-, e as edificacións pertencen ao mundo dos artefactos de todas as épocas. Tamén desta que agora nos corresponde. 

Doutra parte a “fealdade” -antónimo de “beleza”-, é un concepto que mudou co tempo. Hoxe a beleza pode ser unha categoría estética, sen o carga transcendental que tivo no pasado. Dende o século XIX vense considerando un trazo cultural, suxeito a variar nas distintas culturas. A nosa adoita ter unha idea idílica das creacións campesiñas tradicionais. Pero as vivendas, como outras construcións, erguéronse sen máis proxecto que os ditados da tradición. Era unha forma de edificar sempre ligada ao uso, aos materiais dispoñibles, ás condicións ambientais e, como non, á base económica e á organización social. As formas -tipoloxías- non se cuestionaban. Eran deseños testados polo tempo, que cumprían unha función e fabricábase cos materiais dispoñibles, respondendo a criterios de eficacia e economía, e co valor engadido de integrarse na contorna da que proceden. O resultado estético sustentábase na suma deses factores, que combinados entre si, nos aproximan á idea do que chamamos “tradición”. Pero, que pode ocorrer se desaparece a tradición e non a substituímos por formación? Pois que o resultado case queda a expensas de dúas variables: a capacidade económica e o gusto persoal. Se a primeira non falta, neste mundo globalizado temos acceso a calquera material, incluso máis barato que os de extracción local. O segundo, o gusto, é cuestión complicada e a súa simple verbalización pode chegar a incomodar. Porque non é innato. Ten que ver coa capacidade de elección entre varias opcións posibles, que se incrementan coa formación. A máis coñecemento, máis capacidade de elección, o que  contribuiría a substituír a impulsiva idea de “gusto” pola máis metódica de “criterio”. 

Os apóstolos do “feísmo” sinalan accións que moitas veces non sobrepasan o puramente estético: a casa con ladrillo visto, un vello microondas facendo de caixa de correo, ou o socorrido somier pechando unha finca. Non consideran “feísmo” os desterros esaxerados para crear parques industriais infrautilizados ou os paseos marítimos que privilexian o estacionamento de automóbiles, situándoos entre os establecementos hosteleiros e o mar. Outro exemplo é atribución das cualidades bonito/feo aos materiais de construción, dotándoos dunha malentendida virtude/vileza coa conseguinte visión maniquea da obra, dualidade entre o ben, representado pola pedra ou a madeira, fronte o mal, que se manifesta no formigón ou no metal. Esa dualidade ditamina favorablemente unha parede de cachotería sen enfuscar, unha cheminea pacega sobre un modesto chalé, ou unha pesada cornixa de pedra con requintadas molduras sobre unha lixeira galería acristalada, rachando a lóxica construtiva e as leis da física. Mentres enredamos nestas cuestións menores, creamos unha cidade na que se prodigan as medianeiras, síntoma dunha planificación urbanística perennemente inacabada. Arremetemos contra edificios que se afastan de estreitos parámetros que outorgamos, non sempre de forma atinada, á tradición porque non son de pedra. Escoiten as opinións sobre o edificio de A. Alés Reinlein da rúa do Paseo, obra filla do Racionalismo. 

É difícil valorar o asunto do “feísmo” porque as accións que nel se veñen incluíndo teñen causas dispares. Pero, máis que eses feitos puntuais, fáciles de solucionar e ridiculizadas nos fogos de artificio mediáticos, acaso oculte a carencia de criterios e reflexións na utilización do territorio e na ordenación da nosa paisaxe eficazmente de cara ao futuro, con racionalidade e aprendendo das preexistencias de nos legou o pasado.

Te puede interesar