Opinión

Modernidade e tradición conflúen nun monumento

Monumento a Prado Lameiro, actualmente no xardín do Posío.
photo_camera Monumento a Prado Lameiro, actualmente no xardín do Posío.

O monumento dedicado a prado Lameiro sitúase no xardín do Posío, máis non sempre. O primeiro emprazamento foi o parque de san Lázaro, onde se inaugurou en 1945 por iniciativa da Coral de Ruada. Xunto ao valor artístico, no conxunto escultórico conflúen un conxunto de persoeiros que, na nosa opinión, o cargan de simbolismo.

En primeiro lugar o propio homenaxeado, Javier David Leoncio Prado Rodríguez, máis coñecido como “Prado Lameiro”. Veterinario de profesión foi, ademais, investigador nese saber e Presidente do Colexio de Veterinarios de Ourense. Como ben saben, tamén foi escritor e cofundador do coro De Ruada, a “Coral de Ruada”. Esta iniciativa e a intensa relación intelectual con Valentín Lamas Carvajal, é posiblemente a súa faceta máis coñecida e o vinculan con sector tradicional do Rexurdimento, exercendo de ponte entre este movemento literario e “Nós”. Despois, as outras persoas que deron vida ao monumento. Comecemos polo arquitecto e político Antonio Alés Reinlein, que herda o título de Marqués de Alta Gracia da súa tía paterna. Alés concibiuno con forma arquitectónica, en palabras de Mercedes Gallego, “...un muro de granito rectangular, escalonado en los laterales y rematado por un pequeño friso geométrico. En el centro se abre un vano circular que alberga el busto del escritor...”. Dez anos antes, este arquitecto xa proxectara en Ourense o Edificio Marquina na rúa do Paseo, o exemplo máis destacado do Racionalismo xermano en Ourense. Todo un alarde de modernidade naquel Ourense tan tradicional e da que algúns sectores aínda hoxe renegan. Foi o mesmo que proxectou a primeira Torre de Ourense, no último tramo da rúa de Curros Enríquez, e a Torre actual. Tamén participou no monumento o escultor Fancisco Asorey, quen modelou o busto do homenaxeado. Inspirado na obra de Rodin, segundo os especialistas representaba naquel momento a renovación da escultura española, confluíndo na súa obra o Expresionismo alémán e a escultura medieval compostelá, influenzas que aplica aos temas costumistas galegos presentes nas súas creacións, proxectándoas á escultura universal. Asorey modelou o busto para de Prado en escaiola E como non, a Fundición Malingre, principal expoñente da industrialización na cidade, foi encargada de fundir aquel o busto, o que hoxe adorna o van circular da composición monumental.

Entrañaralles que un arqueólogo fale destes asuntos, tan recentes para nós. Pero non puiden resistir a atracción polo simbolismo que vexo nesta monumental “materialidade” -obxectivo esencial para un arqueólogo-, nesta creación escultórica que ás veces pasa inadvertida para os cidadáns no espazo que un día albergou o xardín botánico do antigo Instituto, con docentes de categoría universitaria. Os persoeiros que participaron na materialización do grupo escultórico que honra a figura de Prado Lameiro son un símbolo da transmisión ininterrompida dunha tradición cultural nacida co “Rexurdimento”, a que lle deron forma creadores -Antonio Alés, Francisco Asorey e a Fundición Malingre- formados noutros ambientes culturais e industriais totalmente renovados. Ás veces venme á memoria a frase que se atribúe ao compositor Gustav Mahler: “a tradición non consiste en venerar as cinzas, se non conservar o lume”. Algo así pretendeu Prado Lameiro coa súa traxectoria e materializaron os autores do monumento, facendo confluír nel as técnicas e saberes que dominaban. E quizais poderiámolo interpretar así, cunha ollada simbólica que fai converxer ao homenaxeado cos deseñadores.

Te puede interesar