Opinión

Mulleres de clausura

À esquerda, o edificio que acolleu a Casa das Emparedadas.
photo_camera À esquerda, o edificio que acolleu a Casa das Emparedadas.

Con frecuencia os arqueólogos debemos acudir á documentación escrita que se conserva nos arquivos históricos. E é de agradecer que grandes profesionais responsables da súa custodia non só desenvolvan este traballo con eficacia, se non que ademais estuden esa documentación e a publiquen, facéndoa accesible e poñéndoa a disposición, tanto de investigadores, como do gran público. Lembro agora, entre outros traballos, a tese de doutoramento de Xesús Ferro Couselo sobre “Los petroglifos de término y las insculturas rupestres en Galicia”, do ano 1946, un traballo basicamente de arquiveiro e, para Ourense, o libro de Olga Gallego Domínguez “A cidade de Ourense”, de 2001.

Precisamente nunha das últimas e frecuentes relecturas da dita obra de Gallego, libro que habitúo a utilizar de consulta, repasaba os edificios e institucións eclesiásticas históricas da cidade. Os máis coñecidos son sen dúbida, a catedral, a Trindade e as parroquiais, antes igrexas conventuais, de San Francisco, Santo Domingo e Santa Eufemia. Pero, xunto coas capelas tamén históricas que agora non citaremos, existiron polo menos tres pequenos centros femininos, beaterios, de cuxos edificios aínda queda memoria na cidade.

Comezamos polo máis antigo que coñecemos, a Casa das Emparedadas. Na esquina da rúa de Cervantes coa do Perigo, existe un inmoble que se reformou a finais da década de 1990. Algúns  elementos históricos que aínda conserva a fachada, unhas mochetas góticas e varios  arcos de medio punto, chaman a atención sobre a preexistencia dun edifico medieval, que polas características estéticas poden remontarse ao estilo gótico. Pois ben, ó edificio é herdeiro do beaterio que existiu, cando menos, nos séculos XIV e XV. Sabémolo por dous documentos dos anos 1396 e 1412 que o citan. Na Idade Media, aínda que descoñezamos a duración exacta, acolleu un grupo de relixiosas franciscanas cando a rúa de Cervantes aínda se chamaba rúa Fontaíña. Observen as ditas mochetas góticas na porta da rúa de Cervantes e os arcos de medio punto e unha ventá cegados na fachada da rúa do Perigo, todo nunhas paredes que, a modo de palimpsesto,  mostra a secuencia histórica de paramentos que se suceden sobre o escaparate do local comercial do baixo do edificio. Outro pequeno beaterio, tamén administrado por frades franciscanos, localizábase anexo á capela de San Cósmede e Damián, fundada en 1528, polo cirurxián Juan de Lares. Noutra publicación diferente da que citamos, Olga Gallego escribía o seguinte: “En 1530 ya había muerto el fundador y en 1533 su viuda (Teresa García de Nogueira) vivía con dos o tres beatas más de hábito pardo en el monasterio adjunto a la capilla, regidas y administradas por el monasterio de San Francisco”. Quizáis o beaterio substituíu á das Emparedadas. O novo edificio que o reempraza garda parte da obra do escultor Arturo Baltar. E, finalmente, o beaterio da Nosa señora das Mercés, xunto á igrexa que hoxe existe. Creouse en 1632 baixo o patrocinio do bispo Diego de Zúñiga, con dúas viuvas e a filla dunha delas.  

Estes pequenos centros de recollemento onde se retiraban mulleres procedentes da vida lega, son seguramente os establecementos relixiosos máis descoñecidos no ámbito popular, pero sen dúbida representan formas de vida e pensamento dalgunhas mulleres medievais e da Idade Moderna, que elixiron un destino claustral ante circunstancias adversas nas súas vidas.

Te puede interesar