Opinión

O viaduto hoxe

Sempre tiven admiración polos enxeñeiros de Renfe -labor que agora lle corresponde a Adif- polo esmero estético que aplicaban ás súas obras. Mentres as estradas, e non digamos as autoestradas, son auténticas cicatrices do territorio, aínda que maioritariamente indispensables, sempre me pareceu que as liñas de ferrocarril estaban tan integradas que case parecían formar parte da paisaxe, virtude que non sei se debemos atribuír á camuflaxe que produce o paso do tempo. E non digamos as estacións dos viaxeiros, non poucas edificadas con cualidades que ían máis alá da simple función de apeadoiros e recolledores de viaxeiros.

Debo recoñecer a admiración que me produce o viaduto, cronoloxicamente a terceira gran ponte construída sobre o Miño aínda que, desafortunadamente, para o uso exclusivo do tráfico ferroviario. É unha obra formidable de formigón, que naquel momento deu un selo de modernidade á obra pública en Ourense. De sobra sei que o coñecen, pero reparen de novo nel, na súa esvelteza. Presenta tres arcos-bóvedas centrais e once laterais que permiten cruzar o Miño, seis pola zona das Lagoas e cinco na ribeira oposta. Os centrais teñen unha luz de 62 metros e uns 60 de altura. O propio viaduto alcanza unha lonxitude que se aproxima aos 400 metros e compleméntase con outro máis pequeno, o das Lagoas, situado uns 70 ao leste do principal, o que agora tamén salva o ferrocarril do denso tráfico rodado urbano. Foi inaugurado no ano 1957, xunto coa estación Ourense-Empalme. Houbo que agardar ata entón para para que, por fin, o tren cruzase o Miño na cidade porque os primeiros convois, como saben, chegaban dende Vigo. O inaugural fixérao en 1881, e dende 1885 a estación estivo na zona da Escola Normal, entón termo municipal de Canedo. Foi coa construción do tramo entre Puebla de Sanabria e Ourense da liña Zamora-A Coruña cando se edificou a estación que agora coñecemos e o viaduto, cun proxecto redactado polo enxeñeiro Jose Luis Tovar Bisbal entre 1933 e 1943, que tamén deseña a estación Ourense-Empalme. A obra foi finalmente rematada no ano 1948, aínda que non se inaugurou, xunto coa estación, ata 1957.

Hoxe o viaduto está moi cambiado, esteticamente alterado. E non falo de gusto, porque cando se recorre a el, un está referíndose a si mesmo, e non ao obxecto ou monumento que está a analizar. Supoño que as novidades que se prodigan sobre esta obra de enxeñería nestes últimos anos son indispensables para dar cabida ás novas instalacións e ás necesidades dos convois actuais. Pero dende a miña casa hai tempo que se ven grupos de cables cunha rechamante cor laranxa-vermella que non sei se están a medio colocar ou se son definitivos. De lonxe pódense apreciar os postes que sosteñen a catenaria que, necesaria para a electrificación, modifica notablemente a sua estética. Foi colocada unha abraiante varanda metálica, substituíndo á antiga de formigón que aínda podo lembrar, cunha cor branca que resalta dende a distancia, máis cando a luz do día é propicia. Non dubido que fosen cambios necesarios, incluso a ostentosa varanda. Pero o viaduto, igual que outras construcións e monumentos do pasado e pese á súa construción recente, é unha obra filla do seu tempo, o que lle outorga valor histórico e a fai merecente de atencións.

Te puede interesar