Opinión

Ourense, terra de soños

Aínda que polo título non o pareza, como é habitual nestes Diarios do Pasado seguireilles falando de historia e do patrimonio cultural, sempre tan próximo. Ourense ten na súa historia varios personaxes relacionados co mundo onírico, co fantástico universo creado ao redor dos soños. Son dous homes e unha muller que, sen ser nativos de Ourense, emerxen na nosa tradición histórica das formas máis peculiares. Os tres foron receptores de mensaxes e de ritos transmitidos ancestrais mentres durmían profundamente. Sen relación entre si, estas persoas das que lles falarei a continuación son Calpurnia Abana Aeboso, o diácono Xustiniano e San Martiño de Tours.

Comecemos pola muller, a celebérrima Calpurnia Abana Aeboso, a galaicorromana do século II da nosa era que lle dedicou o tamén coñecidísimo altar ás Ninfas das Burgas. Sabemos dela dende que no ano 1802 o dito altar aparecera de forma casual nunha horta ao carón das fontes termais, no lugar chamado “Casa da Tenencia”. Era unha ofrenda que Calpurnia dedicou ás Ninfas que vivían nestas augas quentes e curandeiras e transmitían ás augas as cualidades terapéuticas. Pola inscrición gravada no altar pétreo -“Calpurnia Abana Aeboso cumpriu gustosa o seu voto ás Ninfas baixo a inspiración dun soño”- sabemos que padecía un mal, sen que o poidamos especificar con certeza, e ofreceuse a estas deidades para que a curasen. E así foi, así o sentiu, porque a devota en agradecemento dedicoulles a ara. Pero o rechamante da inscrición en relación con este asunto é que o remedio curativo veulle no medio dun soño. Ise ritual é a “incubatio”, segundo deducimos da expresión “baixo a inspiración dun soño” -”ex visu”-, indicando unha curación onírica, na que as Ninfas lle revelaron a Calpurnia as causas da enfermidade que a aflixía, xunto co correspondente remedio sanador para o mal. E todo mentres durmía, mentres soñaba, propiciando a auguración precisa das doenzas e a súa sanación. A incubatio susténtase na crenza pola que unha deidade transmite unha revelación divina, incluída a curación, por medio dun soño sobrevido nun lugar sacro, preferentemente nun santuario.

En canto ao diácono Xustiniano, a quen xa llelo presentei noutra ocasión, aparece en Ourense dunha forma moi puntual, polo momento única. Está representado na porta da capela de San Cosmede e San Damián, edificio construído no século XVI co patrocinio do cirurxián Juan de Lares, capela que hoxe acolle o nacemento do escultor Arturo Baltar. Nunhas das xambas da porta está representado un home coa túnica remangada, mostrando a perna dereita por riba do xeonllo. Esa persoa -a iconografía así anima a interpretalo- é o diácono Xustiniano. A figura escultórica representaría un dos milagres máis coñecidos dos dous irmáns médicos, mártires e santos, que viviron a cabalo entre os séculos. III e IV e sufriron o martirio durante as persecucións de Diocleciano e Galerio nos inicios do século IV. Os mesmos que lle transplantaron a Xustiniano a perna dun criado negro que acabada de morrer. A historia está recollida na Lenda Dourada de Jacopo della Voragine: o diácono estaba moi grave por unha avanzada isquemia nunha perna e rezou pola súa curación aos irmáns médicos. Eles apareceron no medio da noite xunto á cama, portando o instrumental cirúrxico preciso. Amputáronlle a perna ao recente finado transplantándolla e sanando ao diácono. E todo ocorreu durante un soño.

Finalmente o noso patrón, San Martiño de Tours, nacido en Sabaria -na actual Hungría- no ano 316 d. C., que a “España Sacra” do P. Flórez, relaciona con Ourense dende a conversión ao catolicismo do monarca suevo Carriarico. San Gregorio de Tours relata unha curación prodixiosa a través do soño ritual na basílica francesa de Saint-Martin de Tours. Ademais é de sobra coñecida a acción caritativa de San Martiño compartindo a súa “paenula” -capa militar- cun mendigo que lle saíu ao paso. Esa mesma noite, en soños -outra vez-, aparecéuselle Xesucristo vestido coa metade da capa que el lle dera. Era o mendigo. Vemos como dúas veces se asocia o mundo dos soños co patrón de Ourense, baixo cuxa protección e advocación atópanse a cidade e o templo maior.

Calpurnia Abana Aeboso, o diácono Xustiniano e San Martiño de Tours, tres figuras adoptadas por Ourense unidas polo mundo dos soños.

Te puede interesar