Opinión

Ourense tiña unha “cerca”, non muralla

O amurallamento das cidades comeza na prehistoria e vaise prodigar no mundo antigo, que na Gallaecia coincide co mundo romano. Sería practicamente imposible non recordar agora a Lugo, Lucus Augusti. A Idade Media é unha etapa destacada para as fortificacións urbanas, etapa na que se reforzan ou se constrúen moitas murallas que hoxe se conservan. É un fenómeno que se desenvolve en toda Europa, como demostran algunhas zonas que foron ben estudadas. Dicían M.W. Beresford e J. St. Joseph que na Inglaterra de finais do século XIV, das dez cidades principais só Boston -en Lincolnshire- carecía de murallas, aínda que si se defendía por medio dun foxo.

Neste contexto global, como era Ourense no medievo? Polo momentos os arqueólogos non atopamos restos de murallas. O libro “Del Orense Antiguo (1830-1900)”, José Adrio Menéndez, da unha referencia interesante: “... habíase encerrado todo ello (a cidade de Ourense) en época pretérita, dentro de unas tapias o paredón, especie de muralla vergonzante, de la que aún quedaban restos, abierta en varios arcos, de los que eran principales el de la Huerta del Concejo, el de la Burga y el de la Porta d´Aira”. Coa cerca, o Ourense medieval non cumpriría os mínimos preceptos da poliorcética, as técnicas -a “arte”- da defensa e expugnación de prazas fortes. Ademais, o desvantaxoso emprazamento de extensos sectores da cidade medieval, burgo aproximadamente comprendido entre a praza do Ferro e a igrexa da Trindade, e entre as traseiras de Hernán Cortés e As Burgas -quedando as maís célebres fontes fóra do recinto urbano- non contribuían á súa defensa. Lembren a zona norte, a que rodea catedral, ameazada polas elevadas pendentes topográficas que se precipitan dende o barrio de San Francisco y que só se suavizan cando superan o regato das Burgas. Este, hoxe moi desdebuxado polas transformacións urbanas, transcorrería entre a Praza de San Marcial e as fontes termais. Seguramente non é casualidade que a partir del se asentase antes a cidade romana que, chegando ata O Posío, só traspasando o o regato nas zonas dos actuais Museo Arqueolóxico e praza da Madalena.

O historiador urbanista A.E.J. Morris afirma que na Europa medieval as murallas constrúense conservando a función primixenia militar, aínda que a limitación nos accesos que propician -as portas- aprovéitanse para establecer portazgos e outros controis de persoas e mercadorías. Como sería o trazado desa cerca que delimitaba o principal espazo urbano? Dicía Vicente Risco que o plano da cidade histórica ten forma dun “oito” deitado no senso norte-sur e diríamos aceptablemente simétrico. Efectivamente, o sector máis angosto, unha “cintura” que se debuxa entre o rúa das Burgas e a de Hernán Cortés, moi condicionada pola existencia daquel regato, debuxa dous espazos de tendencia circular. A “cerca” de Ourense, que non muralla, era o que envolvía o núcleo que vimos de referir. Segundo referencias documentais sobre puntos moi localizados e dispersos pola cidade, estaría formada na súa maior parte polas paredes traseiras das edificacións, ademais de tapias das hortas urbanas perimetrais. Tal parede, con máis escasa que relativa utilidade defensiva, tería un trazado maioritariamente continuo que interrompían varias portas, cuxas alusións documentais fiables se remontan ao século XIV. Tamén sabemos polo cronista Adrio Menéndez, que as últimas que estaban en pé derríbanse no século XIX: “Interesante fue el acuerdo tomado en la sesión de 27 de mayo de 1837, disponiendo se procediese a demoler los arcos existentes en la Porta d’aira, calle de la Burga y Huerta del Concejo. Tal acuerdo se fundaba en que “si en otra época pudieron ser útiles, en el presente impiden la franca ventilación (sic). Y ésta ya era entonces un precepto de higiene”.

Vemos así como a cidade medieval non tivo unha muralla ao estilo de Santiago de Compostela ou de Pontevedra, pero si unha cerca ou parede máis ou menos continua que non debeu ser eficaz para a defensa militar, pero si para controlar epidemias, persoas e mercadorías. Debemos ter e conta que si existían outros recintos fortificados, como o conxunto catedral-pazo episcopal -actual Museo Arqueolóxico- e a Abadía da Trindade, que deberon xogar un papel importante ante a precaria eficacia defensiva que debeu, sen dúbida, proporcionaba a cerca.

Te puede interesar