Opinión

Os Ourenses que nos precederon

Patio do pazo renacentista Oca-Valladares, actual Liceo de Ourense.
photo_camera Patio do pazo renacentista Oca-Valladares, actual Liceo de Ourense.

A Arqueoloxía Urbana, non deixa de ser un reto permanente. Moitas cidades, incluída Ourense, teñen orixe a antigüidade. As investigacións arqueolóxicas -de momento nos temos outra información- fana case bimilenaria, data que alcanzaría na segunda metade deste mesmo século. Tal soleira creou as condicións para que, ademais de acollernos como residencia e hábitat, sexa un xacemento arqueolóxico, igual que un castro ou unha vila romana, Sen embargo diferenciase dos anteriores porque é un xacemento habitado e, en consecuencia, cunha constante e progresiva transformación. Tal circunstancia obriga a tratala con cuidado, diría con mimo. Por iso non é raro ver os arqueólogos traballando en certas zonas do núcleo urbano, desentrañando os moitos secretos que aínda agacha.  

O paso do tempo vai formando moitos Ourenses que conflúen nun só, o que cada xeración lle tocou vivir e que os arqueólogos entendemos como unha superposición e expasión urbana ininterrompida no tempo e, con distintos ritmos, expandíndose no territorio, crecendo ata case colmatar esa “hoya ourensana” que tan ben describen os xeógrafos. Deste modo, vamos definindo a cidade romana que, con desigual densidade, se estende dende As Burgas ata a praza da Madalena e, dende estes lugares, ata o Posío. A cidade do medievo é diferente. Non medra sobre as ruínas da anterior, se non que abandona parte do sector sur, a localizada entre a igrexa da Trindade e O Posío para, co paso do tempo, construír un burgo compacto entre a citada igrexa abacial e a praza do Ferro e, aproximadamente dende as rúas dos Fornos e Hernán Cortés, ata as de Lamas Carvajal, Barreira, Cervantes e Vilar. Vexan como o núcleo habitado tendeu a desprazarse cara o norte -oriéntense coa catedral, sabendo que a ábsida mira ao nacente- e vai mudando o centro de gravidade, agora representado pola catedral de San Martiño, área que estaría fóra dos límites da que antes ocupou a cidade romana.

Finaliza o medievo e chegamos a un novo período, a Idade Moderna. Neste punto transcorreron case quince séculos dende que nacera Ourense. Nesta nova etapa medra pouco, pero si parece experimentar unha incremento na calidade edilicia. Son importantes as reformas da catedral, pero dende a óptica construtiva e urbanística, son importantes dous feitos: a instalación de dúas novas ordes eclesiásticas cos seus respectivos conventos e a eclosión de pazos urbanos de familias fidalgas. O primeiro deses feitos é a chegada dos Dominicos e dos Xesuítas coa construción dos seus conventos e igrexas. O dos dominicos estaba no lugar onde hoxe se levanta o edificio da “Axencia tributaria”. Desa etapa só permanece a igrexa de Santa Eufemia do Norte, que por iso lle chamamos de “Santo Domingo”. Do convento dos Xesuítas queda a igrexa de Santa Eufemia do Centro. Os dous emprazamentos foron importantes porque urbanizaron e deron un novo pulo á cidade cara o norte.

A construción dos pazos urbanos nesta mesma etapa histórica sen dúbida incrementou a calidade da edificación civil, dos que son un bo exemplo o edificio do Liceo ou pazo dos Oca-Valladares, o da CEO ou pazo dos Gayoso, a Casa de María Andrea ou pazo dos Armada e outros que hoxe deixo no tinteiro. Da expansión experimentada na Idade Contemporánea, con ensanche e novos barrios, moitos de vostedes son testemuñas certeiras.

Te puede interesar