Opinión

“Península Hispánica”


A xente que me coñece sabe que non teño redes sociais, nin Facebook, Twiter, Instagram nin ningunha outra. Por favor, non pensen mal porque non é desprezo tal. É simplemente que estas formas de comunicación masivas as teño por cousa seria, e paréceme complexo e traballoso en exceso mantelas vivas a diario e con contidos que poidan ser de interese para potenciais lectores, un público que sería ademais maioritariamente descoñecido para min. Cóntolles un sucedido que me aconteceu nunha web: nunha entrevista que me fixeron hai un par de anos sobre a “Cultura Castrexa”, refería á súa extensión polo noroeste da “Península Hispánica”. Na edición dixital do diario que a publicou, apareceu un comentario bastante anoxado debido ao uso deste termo. Entendo que se refería a que eu debería dicir “Península Ibérica”, porque este espazo xeográfico inclúe ao veciño Portugal. Supoño que a obxección sería só por iso.

Por que utilizo máis hispánica que ibérica? Independentemente do significado que garda a palabra “Hispania”, sexa a “terra de coellos” ou dos damáns -roedores procávidos- que dicían Catón ou Plinio O Vello, ou as “terras do norte” -­a “I-span-ya” dos fenicios-, así como calquera outras interpretacións, os romanos chaman Hispania a todo o territorio ao sur do Pirineos. Chegaron aquí baixo o mando de Cneo Cornelio Escipión, tentando frear o avance militar cara a Roma da outra potencia do Mediterraneo Occidental, Cartago, desembarcando na colonia fenicia de Ampurias no ano 218 a. C. Pero, a quen atopan os romanos nesta vasta península -583.254 km2- do confín europeo? Sen entrar polo miúdo no asunto e atendendo a algúns dos moitos especialistas na materia, entre eles xa clásicos como M. Almagro Gorbea, F. Villar, J. D’Encarnaçao, ou M. Salinas de Frías, autor da obra máis recente “Los pueblos prerromanos de la Península Ibérica”, de 2021, a península estaba habitada por un mosaico de pobos con diferencias significativas entre si, sobre todo na súa cultura material -tipos de asentamentos, de ferramentas, armas, etc.- como dende as linguas que utilizaban. En función sobre todo desta última cuestión, clasificáronse en varios grupos. Para situalos poderiamos facer unha diagonal imaxinaria entre a desembocadura do Guadalquivir e as actuais terras de Navarra. Ao surleste desa liña situaríanse o gran grupo lingüístico e cultural mediterráneo, formado con idiomas non indoeuropeos e tradición cultural tamén mediterránea. Incluiría -desculpen o número de xentilicios- os iberos, basicamente, bastetanos, contestanos, edetanos, Ilercavones e ilergetes, co grupo tartésico residual e os turdetanos. Outros eran os aquitanos -vascones, aquitanos e xacetanos-, así como outros pobos con idiomas aquitanos residuais. Finalmente, o gran grupo indoeuropeo, maioritariamente de carácter céltico e protocéltico, situado ao noroeste da liña imaxinaria que antes referiamos, aínda que con penetración nas terras da Meseta Sur e do Val do Ebro. Son, empezando por nós, os galaicos, e seguen astures, lusitanos, vetones, cántabros, vaceos, célticos, celtíberos ou carpetanos, entre outros 

Seguramente coñecen a película “Gladiator”, de Ridley Scott. Está ambientada nos derradeiros anos dos coemperadores Marco Aurelio e Lucio Vero e, sobre todo, no mandato do sucesor Cómodo, todos pertencentes á dinastía Antonina. Independentemente das moitas licencias históricas ás que recorre, entre elas o asasinato de Marco Aurelio por Cómodo, o xeneral romano Máximo Decio Meridio, protagonista do filme e a quen a fortuna e as malas artes de Cómodo converten en gladiador, foi alcumado ”hispano”. Efectivamente, polo visto era de Mérida, “Emerita Augusta”, naquel momento capital da provincia romana de Lusitania, como hoxe poeticamente chamamos a Portugal. Pero Máximo era hispano, como os iberos, os aquitanos, tartésicos e todos os pobos con linguas célticas e protocélticas de orixe indoeuropea que antes citabamos. A Galicia actual repartíase entón entre os grupos lingüísticos célticos galaicos e astures, todos fortemente influenciados polo substrato protocéltico primitivo e residual nas terras do interior.

A primeira vez que escoitei “hispánica” en substitución de “ibérica” de forma académica, foi ao profesor de Prehistoria X. C. Sierra. Fronte ás denominacións oficiais das materias universitarias de “Prehistoria de España” e “Prehistoria de la Península Ibérica”, el utilizaba “Prehistoria de la Península Hispánica”, acaso porque a de España podería excluír o pasado remoto portugués e a Ibérica só se referiría a unha parte, moi importante, pero só un fragmento desta nosa terra hispana.  

Te puede interesar