Opinión

Por que escribo sobre Thomas Jefferson?

Abiografía máis coñecida de Thomas Jefferson é a de presidente dos Estados Unidos. Foi o terceiro mandatario do novo pais, que declarou a independencia de Gran Bretaña en 1776. É máis, está considerado un dos Pais Fundadores do novo estado, con John Adams, Benjamin Franklin, Alexander Hamilton, John Jay, James Madison e George Washington. Entre eles, pola súa dedicación á ciencia, soe destacar Benjamin Franklin. Son célebres as súas investigacións sobre os fenómenos eléctricos, e como non, o episodio no que experimentou cunha cometa e os lóstregos das tormentas para a invención do pararraios nos Estados Unidos. A Franklin debémoslle á publicación do estudo “Experimentos e observacións sobre electricidade”, que viu a luz en 1774.

Pola contra, facendo gala do nome desta sección, “Diarios do Pasado”, entre todos os anteriores quero destacar a figura de Thomas Jefferson. A mediados do século XVIII, escavou un túmulo funerario construído polos indíxenas de Virxinia en Monticello, nunhas terras da súa propiedade. Naqueles tempos fixéranse intervencións arqueolóxicas -non me atrevo a chamarlle escavacións- en Pompeia e Herculano. Os traballos na ruínas desas cidades romanas da Campania perseguían a obtención de obxectos artísticos e a exhumación de edificios, sen atender á secuencia estratigráfica, esencial para comprender os contextos cronolóxico-culturais nos que se enmarcaban as pezas e construcións que ían exhumando. E como estas, diversas escavacións que se ían multiplicando polo planeta, que cavaban sen atender ás distintas capas de terra ata atopar antigüidades que, como vimos, era o fin último dos traballos.

Con todo, a intervención de Jefferson en Monticello, en gran medida adiantou as técnicas que se utilizan nas escavacións actuais. Antes de iniciar a intervención e a modo de traballo previo, escavou unha gabia cortando perpendicularmente o túmulo, de forma que se puidera observar a estrutura construtiva do interior. Os laterais da calicata deixaban á vista a secuencia das capas de terra, a estratigrafía, que lle axudou a describir tanto o sistema construtivo como a orde de colocación das ditas capas, indicio tamén das distintas fases e, polo tanto, da secuencia de edificación e orde cronolóxica. No fondo do túmulo, á altura do terreo natural que o circundaba, atopou ósos humanos, confirmando que o montículo artificial era un enterramento. Jefferson ademais observou que, a medida que ía profundando nos estratos arqueolóxicos, os restos estaban máis deteriorados, confirmando a progresiva antigüidade dos achados, ao tempo que detectou reutilizacións sucesivas do monumento. Os obxectivos de Jefferson estaban moi influenciados pola antropoloxía. Quería estudar os antigos poboadores de América. O contexto era moi diferente da arqueoloxía de Europa, totalmente vinculada coa historia. Os primeiros arqueólogos americanos eran de ascendencia europea e, para eles, os xacementos pertencían a pobos alleos. En 1958 G. Willey e Ph. Phillips dicían que “a arqueoloxía americana, ou é antropoloxía, ou é nada”, unificando os obxectivos de ambas disciplinas.

De certo Jefferson adiantou no tempo as técnicas arqueolóxicas. Cando vexan o seu rostro nos billetes de dous dólares, cuxo anverso ostenta o deseño máis antigo do papel moeda dos Estados Unidos, lembren que ademais dun político, dun presidente ou dun ilustrado, están mirando o rostro dun arqueólogo. Un científico que contribuíu a modernizar as técnicas de escavación nun metodoloxicamente remoto século XVIII nas terras do alén do Atlántico.

Te puede interesar