Opinión

Por que temos unha rúa da Liberdade?


Cando se planifica a prospección dun territorio para coñecer os xacementos arqueolóxicos é obrigado, antes de saír ao terreo, comezar cunha fase previa que nos permita sacarlle todo o partido posible á exploración, ao denominado traballo de campo. O habitual é recompilar as publicacións sobre arqueoloxía e historia da zona e coñecer a orografía, que condicionará a existencia de determinados xacementos. Faise indispensable, ademais, entender a súa configuración xeolóxica, climática e, incluso, as capacidades de produción económica das terras, é dicir, se foron aptas para ser cultivadas ou para outra clase de rendemento. E como non, coñecer a toponimia do territorio a estudar. Así, o primeiro que facía antes de acometer o traballo de campo era consultar os libros de amillaramento da propiedade rústica, catálogos de posesións de fincas baseados na declaración dos propietarios contribuíntes que se elaboraron despois da reforma tributaria de 1845. Unha fonte de estudo sen dúbida esencial que se está a perder.

A miúdo insisto na necesidade de conservar os nomes orixinais dos sitios, os topónimos de cada lugar. E non só por razóns lingüísticas, tema que escapa á miña especialidade, se non porque gardan significados de lugares que poden remontarse a vellas paisaxes, ben naturais, ben construídas, tales como Erbedelo -lugar poboado de érbedos, de “madroños”-, Seara -terra de labor, habitualmente de trigo ou centeo- ou Seixalbo -de “rocha branca”- etc., ou a usos xa desaparecidos, tales que os Vao ou Porto do río Miño. Eses nomes tamén poden permanecer, con maior ou menor éxito, no rueiro das cidades, que atesouran lembranzas, espazos e significados ás veces de tempos distantes. Sen embargo, tales topónimos non son inalterables, e pódense modificar co paso do tempo, sobre todo cando se refiren a lugares que acolleron usos significativos. Hoxe traio como exemplo a evolución da ourensá rúa da Liberdade, este vieiro urbano de poético nome e trazado tan dereito que comunica a praza de San Marcial, a medieval praza de Fonte dos Coiros, coa do Sal, xusto na súa conexión coa rúa Dous de Maio, a medieval Rúa Travesa. O nome máis antigo coa que a coñecemos é a de rúa das Chousas, polo menos dende as primeiras décadas do século XIII. Chousa é un nome de lugar bastante común que provén do latín “clausam”, participio do verbo “claudere”, que significa pechar. De aí, outros nomes, entre eles os de “claustro” ou “clausura”. En relación á nosa rúa das Chousas seguramente facía referencia a unha finca ou solar pechado, valado. Pero o interesante desta rúa é que despois, xa na Idade Moderna, pasou a denominarse rúa do Cárcere. E así foi porque no ano 1528 o Concello de Ourense, que necesitaba dun edificio de custodia penal, merca un vello hospitaliño que existía na rúa das Chousas para destinalo a prisión, o primeiro cárcere municipal estable, non provisional, do que temos noticia. Estaba situada na actual praza de Manuel Sueiro, que se gañou como lugar público para os ourensáns tempo despois de que fose demolido o edificio, o que ocorreu en 1856. Así a vella rúa das Chousas, despois do Cárcere, foi rúa da Liberdade. 

Visiten esta rúa e praza onde estivo o cárcere e rememoren as pequenas -e grandes- historias que garda a nosa cidade.

Te puede interesar