Opinión

Representacións da Traslatio do apóstolo Santiago

A cidade de Ourense é esencial no trazado e consolidación dos camiños xacobeos, lugar de confluencia de varias rutas que conducen á capital de Galicia. Entre elas, a denominada Via da Prata, ou os camiños portugueses do interior que converxen en Braga ou Chaves, continuando a peregrinación a través desta cidade das Burgas. As fontes termais e a catedral, xunto con outros espazos urbanos, foron -e son- partícipes da infraestrutura espiritual e itineraria que sustenta os Camiños de Santiago. Noutra ocasión lles contei o descubrimento dun Santiago peregrino medieval de acibeche nas escavacións arqueolóxicas das Burgas.

Santiago O Maior, venerado na catedral compostelá, é a figura apostólica máis importante para Occidente. Por iso a sede metropolitana encóntrase entre os tres grandes centros de peregrinación da cristiandade, categoría que comparte con Roma e Xerusalén. Se nos atemos aos textos bíblicos, sobre todo o Novo Testamento, o apóstolo Santiago viviu nos primeiros anos da era cristiá. Alcumado “Bonaerges” -“Fillo do Trono”- polo mesmo Xesús, foi decapitado en Xerusalén durante o reinado de Herodes Agripa I ao redor do ano 44, obviamente d. C. Entre os narracións do ciclo xacobeo, que mesturan algo de historia con moita lenda, é moi importante o episodio da Traslatio, é dicir, o relato sobre a condución por mar do corpo do apóstolo a Galicia despois do seu martirio. A Traslatio foi protagonista de numerosos textos literarios medievais e aceptada en 1105 polo papa Pascual II, nos tempos de Diego Xelmírez, bispo da sede compostelá. En Galicia consérvanse as representacións arqueolóxicas e artísticas medievais seguramente máis antigas, da Traslatio, as que reproducen dous soportes ben diferentes -unha moeda e un tímpano-, nas provincias de Pontevedra e da Coruña. Posiblemente a máis antiga é a dita moeda de prata que custodia o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela. Foi descuberta na década de 1980 durante as escavacións do xacemento de Adro Vello, en San Vicente do Grove. O anverso, coa lenda FERNANDVS REX, confirma o acuñado no tempo do rei Fernando II de León. No reverso, ademais de lerse S IA-COBI, representa un barco que leva o corpo deitado do apóstolo Santiago. Aos seus pés pódense apreciar os rostros de dous discípulos. O centro da imaxe ocúpao unha gran cruz latina que divide en dous o texto da lenda. Foi troquelada nunha ceca compostelá nalgún momento entre os anos 1157 e 1188, etapa do reinado do citado monarca. A outra escena de Traslatio en Galicia aparece no tímpano da porta lateral da igrexa de Santiago de Cereixo, no termo municipal de Vimianzo. A composición representa un barco sobre as ondas, co corpo de Santiago deitado e acompañado polos seus discípulos. Esta igrexa románica foi construída na segunda metade do século XII.

Existen outras dúas representacións medievais da Traslatio fóra de Galicia. Unha no capitel do claustro da Colegial de Tudela, datado entre os anos 1170-1175 e 1188, e outro na catedral de Lleida. A última, tamén un capitel da capela contigua á ábsida central, podería datarse no primeiro cuarto de século XIII. Vemos como a Traslatio, ese episodio indispensable para a tradición xacobea, está representada na moeda de Fernando II, quizais a escena medieval máis antiga que se coñece, acuñada e descuberta nos confíns de Occidente.

Te puede interesar