Opinión

Ritual e orientación arquitectónica

Nas rúas de Santo Domingo e Santa Eufemia chama a atención que nas dúas igrexas, Santa Eufemia do Norte -ou Santo Domingo- e Santa Eufemia do Centro, as portas miran ao nacente e as ábsidas a poñente, oriéntanse ao revés que a catedral. Todos sabemos que na maioría dos templos a ábsida mira ao leste e, en consecuencia, a porta oposta ábrese ao solpor. E escribo isto sabendo que na actualidade obviamos a importancia dos puntos cardinais na vida cotiá.

O núcleo histórico da cidade conta con seis igrexas máis ou menos antigas.

O núcleo histórico da cidade conta con seis igrexas máis ou menos antigas: a catedral de San Martiño, iniciada no século XII, a abadía Trindade, entre os XII e XIII, e as de Santa María Nai, do século XVIII e construída sobre uns hipotéticos templos dos VI e XI, así como as citadas Santa Eufemia do Centro, dos XVII-XVIII, e Santo Domingo, do XVII. Ás anteriores, debemos engadir á do Convento de San Francisco, edificada no século XIV e trasladada ao parque de San Lázaro en 1928. Soamente as dúas máis tardías, Santa Eufemia do Norte e Santo Domingo, erguéronse coa orientación invertida. A interpretación hipotética e momentánea é a adaptación a dous solares urbanos preexistentes e consolidados e que, ademais, puideran estar indicando que a orientación non era de obrigado cumprimento, polo menos naqueles momentos da Idade Moderna.

Os textos transmiten que os apóstolos ordenaban orar coa mirada ao nacente, porque “…igual que  o lóstrego que brilla dende o inicio ata o fin, así será a chegada de Xesucristo...

A denominada “Doutrina Apostolorum” ou “Canones Apostolorum” -de orixe siria e con difícil atribución aos apóstolos-, foi divulgada acaso nos séculos III-IV, con máis probabilidade no V. Os textos transmiten que os apóstolos ordenaban orar coa mirada ao nacente, porque “…igual que  o lóstrego que brilla dende o inicio ata o fin, así será a chegada de Xesucristo, porque pola orientación da oración cara o leste, comprendamos que El pode aparecer repentinamente dende o oriente”. Sen embargo ao longo da historia e sendo un costume  maioritario, parece que tal disposición dos templos non foi unha obrigación, aínda que as vellas igrexas bizantinas e sirias construían a ábsida mirando ao sol nacente para diferenciarse das sinagogas, que buscaban a dirección de Xerusalén. Moi interesantes son as “Catequesis Mistagóxicas” de San Cirilo, bispo de Xerusalén a finais do século IV –o mistagogo era o catequista que explicaba os misterios sagrados, especialmente os santos sacramentos.-, porque dan unha idea excelente sobre a orientación ritual desde os ritos prebautismais: “Primeiramente entráchedes no adro do baptisterio e, estando de pé e mirando cara Occidente, escoitáchedes como se vos mandaba estender a man e renunciar a Satanás, como se el estivese alí presente (…). Occidente é onde as tebras se fan sensibles (…).

O baptisterio simboliza o linde entre o pecado orixinal e a pureza da Casa de Deus, entre o occidente e o oriente que relataba San Cirilo.

Así pois, cando renuncias a Satanás, rachando todo pacto con el, destrúes as antigas alianzas co abismo e ábrese para ti o paraíso que Deus plantou en Oriente (…). E o símbolo disto está no feito de xirarte de Occidente cara Oriente, a rexión da luz”. Seguramente por iso non é casual que a Capela de san Xoan da catedral -o baptisterio- estea arrimado á porta norte. O baptisterio simboliza o linde entre o pecado orixinal e a pureza da Casa de Deus, entre o occidente e o oriente que relataba San Cirilo. Comproben como un simples paseos lúdicos pola cidade nos poden axudar a reflexionar sobre numerosas e variadas cuestións da nosa historia.

Te puede interesar