Opinión

A rúa que se gañou nun preito

Rúa do Bispo Carrascosa, situada entre o Museo Arqueolóxico de Ourense, antigo Pazo Episcopal, e a Casa do Concello.
photo_camera Rúa do Bispo Carrascosa, situada entre o Museo Arqueolóxico de Ourense, antigo Pazo Episcopal, e a Casa do Concello.

As cidades, igual que o resto do territorio, son froito da historia. Cada recuncho de Ourense ten o seu propio pasado, algún con efectos sorprendentes para moitos lectores, como ocorre coa actual rúa do Bispo Carrascosa, a que se abre entre o Museo Arqueolóxico de Ourense -antigo Pazo Episcopal- e a Casa do Concello. Días atrás consultaba o libro “Pazos, torres e curral do Bispo de Ourense”, autoría de Francisco Fariña, anterior director do dito museo. Nel da conta dun conflito e preito entre o bispado e o concello que tivo efectos moi favorables para os habitantes do Ourense medieval nesta zona da cidade histórica.

Non poucas veces lles teño falado sobre a condición de señorío episcopal no Ourense no medievo, no que o prelado detentaba o poder xurisdicional sobre a urbe. Dende os inicios do século XII e ata os do XVII, o bispo era ao tempo pastor de almas e señor de vasallos, situación que xerou non poucos conflitos entre a Igrexa e o poder civil, representado este último polo Rei -a través dos correxedores- e polo Concello. Un deses desencontros deu orixe ao dito Preito do Curral. Efectivamente, na prelatura de Miguel Ares Canabal, bispo da diocese ourensá entre 1594 e 1611 orixinouse a disputa por un problema de propiedades. O entorno do Pazo Episcopal estaba rodeado de predios que facían linde coas do Concello e chegaban ata a rúa da Barreira, conxunto denominado “curral do Bispo”, o mesmo co que a historiografía coñece o preito. O bispo quería construír varias casas nese curral, invadindo solares de propiedade municipal. E non só iso, se non que, ademais pretendía pechar o conxunto cun muro, impedindo o paso dende a Praza Maior, daquela Praza do Campo, ata a rúa de Colón, a medieval rúa do Pelouriño. Pero o Concello non está de acordo, reclamando a propiedade pública de parte deses espazos que o bispo quería acaparar e pechar no curral ampliado por el e que incluía o solar onde hoxe se alza a casa Consistorial. Iníciase o preito e no xuízo o concello argumenta que “é a cousa máis importante que esta cidade ten porque está no medio da cidade e é a praza máis pasaxeira”. Tamén describe que ese terreos son imprescindibles para os habitantes de Ourense, porque “... por eles se sirve a pescaría, a carnicería e todas a fontes que ten a cidade e todo o comercio e trato...”. E non é para menos, porque, continúan, “... se o bispo a pechase, como pretendía, necesariamente debía mudarse a maior parte do pobo”. Finalmente, no ano 1603, o xuíz decide que o bispado ten que ceder parte dos predios, o que permite abrir a rúa e construír a Casa do Concello onde hoxe está. Imaxinen que houbera sido doutro modo e a bispo puidera pecha o recinto. Coa forma que ten o cidade histórica, ese “oito” que dicía Risco co estreitamento provocado polo regato das Burgas, romperíase o tránsito norte-sur, véndose os veciños obrigados a circunvalar o curral polas actuais rúa de Hernán Cortés e da Barreira.

Observen calquera día a cantidade de persoas que hoxe poden transitar pola rúa gañada no Preito do Curral, a comunicación máis directa entre o entorno da catedral e O Posío.

Te puede interesar