Opinión

A arte de insultar

Dicía Shopenhauer que “no fondo o home é un animal salvaxe, cando desaparecen as cadeas do ordenamento legal e se abre paso á anarquía, móstrase como o que realmente é”. Tralo asasinato de Isabel Carrasco máis dun botou a boca a pacer e os comentarios inxuriosos circularon pola rede como se fose o sangue dun monstro ingobernable. O ministro de Interior, cheo sempre de linguaxe carcelaria, dixo que “habería que limpar as redes sociais de indesexables”.

Tradicionalmente o insulto era o último recurso das persoas cando se quedaban sen argumentos; na rede, os insultos superan moitas veces ás argumentacións, pero tampouco é como para perseguilas como se todas as conversas fosen delictivas. Cada expresión, agás aquelas que se fan desde o anonimato, levan un nome e un apelido, e cadaquén é responsable da intelixencia desenvolvida ou da pestilencia das expresións empregadas. A rede é propensa a saídas de cadro desaconsellables, pero a violencia verbal, a baixeza nas argumentacións están moi enraizadas na propia caste política que agora se queixa dos insultos, un mal exemplo constante a partir das súas actuacións, dos seus noxentos debates, dos enfrontamentos verbais tantas veces mostrados.

O insulto expresado con naturalidade pode incluso ser creativo. “Érase un hombre a una nariz pegado...”, lle cantaba en forma de soneto Francisco de Quevedo ao seu nada querido Luis de Góngora. Moi particulares os de José María García, o xornalista deportivo, que durante anos lle deu por crear escola ao redor daqueles persoeiros públicos que non lle seguían o fío; “bulto sospechoso”, “correveidiles”, “chiquilicuatres”, “estómagos agradecidos”, ”lametraserillos”, “chupópteros”, foron expresións que vistas dende a distancia e afastadas da diana precisa sobre a que apuntaba até soan con certo aire de altura, senón intelectual, si esforzo creativo.

De reivindicar o insulto en pro da ansiada liberdade de expresión non estaría de máis reivindicar o oficio de insultar creativo, alomenos nos divertiríamos un chisco, sempre que fose procededente claro está. A ninguén se lle ocorre contar chistes nun enterro, ou si?

Te puede interesar