Opinión

O BARBAÑA, UN PARQUE DIFERENTE

O Parque Barbaña, situado trala Alameda do Concello no marxe esquerdo do río do seu nome, é un dos máis grandes da cidade. A súa superficie total comprendida entre os tres tramos no que se divide (zona centro, norte e sur) é duns 20.141 metros cadrados, que se reparten entre paseos, zonas verdes axardinadas, prazas, espazos para os máis cativos, pista de patinaxe, mailo propio solar onde se asenta a cafetería e demais zonas de servizos.


A realización deste singular e atraínte recinto de lecer foi ben estudado no seu día polos deseñadores, que lograron converter un lugar antano moi degradado e contaminado, nun parque singular que basea o seu sentido do ornato na beleza xaponesa: esto é, namentres os elementos constituíntes máis importantes do xardín europeo os forman as especies florais, arbustos mailo propio céspede, neste peculiar estilo oriental domina a sobriedade, que acada o seu obxectivo co emprego preferente mediante a utilización dos propios elementos existentes na natureza do terreo: pedra, auga e árbores. Por outra banda, a topografía en declive do propio terreo no que se asenta condiciona o seu deseño en forma de socalcos en costa, todos eles tapizados por parterres ata a chegada ó paseo inferior situado á beira do propio río.


O amplo espazo se ordena de xeito perfecto, mediante o emprego de tres terrazas ben delimitadas, que dan asento ás diversas, diferentes e numerosas especies vexetais, entre as que destacan exemplares como: xenebreiro chinés, magnolia, palmeira datileira, plátano, tileiro americano, catalpa e estripeiro.


Na parte superior, a máis elevada do recinto, se sitúa a cafetería e, sobre ela, a pérgola mailo miradoiro sobre o parque dende o que permite a contemplación dun dos elementos máis representativos con que conta este recinto: a longa fonte en cascada ornamental que aporta esa nota de frescor ó espazo verde.


Entre os elementos decorativos con que conta o parque, ademais da artística serea existente no interior da fonte, similar a existente no porto de Copenhague, amosando unha buguina mariña a modo de nacemento da auga no interior do estanque, se expón na praza do patinaxe unha figura en bronce representando un fauno axeonllado tocando a frauta, ámbalas dúas creacións saídas da man do coñecido artista Asciclo Manzano, que contou ca colaboración do pintor ourensán Xaime Quessada.


Unha vista dende a alta pasarela metálica peonil que comunica a traseira da Alameda do Concello cas rúa de Pura e Dora Vázquez, tendida sobre o parque, permite apreciar a vista de paxaro este longo espazo verde, tanto no comprendido augas arriba ata a ponte dos Irmáns Xesta, como en sentido contrario ata a Ponte Carreiro e Ervedelo. n

Te puede interesar