Opinión

CAMPO DOS REMEDIOS

A tarefa das áreas dos concellos encargadas da conservación e mantemento tanto de parques como de xardíns das nosas cidades van máis aló do mero deseño e construcción; tamén o seu correcto funcionamento maila conservación diaria son outras das tarefas a cumprir polos encargados de velar pola súa continuidade, garantindo o servicio efectivo dos mesmos


Maiormente o aumento poboacional das propias cidades, sobre todo partir do século XIX, maila necesidade de dotalas dunha ampla zona de lecer para o disfrute de todos os cidadáns, foi a causa que motivou a creación e expansión dos xardíns públicos, empregando ou ocupando, en moitos casos, os vellos espacios baleiros situados tanto no interior das propias urbes como na súa periferia, ou ben nos seus arredores.


O denominado Campo dos Remedios, antigamente denominado 'Campo do Desafío', está situado moi preto da tristemente queimada capela plateresca da Nosa Señora dos Remedios, un dos símbolos históricos con que conta a cidade. O recinto, situado a carón do Pavillón Municipal de Deportes, maila vella ponte, xa se documenta a súa existencia como tal con anterioridade ao século XVI, data na que o nobre cabaleiro ourensán Francisco Montouto, baixo o bispado de don Gonzalo de Acebedo, solicita autorización do Concello de Ourense para erguer, a súas expensas, unha cativa ermida neste antano e solitario solar, tentando con elo eliminar a triste sona do recinto, como lugar afastado e tristeiro, elixido para dirimir en duelo a honra dunha dama ou outras cuestións relacionadas co honor.


Neste emblemático e antigo recinto, no que tivo asento, no ano 1895, unha das primeiras fábricas de luz con que contou a cidade de Ourense e con posterioridade solar dunha praza de touros; neste mesmo lugar puntualmente todos os anos, o día 8 de setembro, ó pé da ermida, se celebra unha concorrida romaría na honra da Nosa Señora a Virxe dos Remedios.


No ano 1973 parte do solar foi ocupado pola edificación do Pavillón Municipal de Deportes de igual xeito que unha serie de espacios anexos quedando o restante como xardín, tal e como actualmente se conserva.


Nunha superficie total de 2.709 metros cadrados, comprendida a carón da avenida da Ribeira Sacra e a Ponte Romana, maila avenida de Pardo de Cela, se ordena este lugar como espacio de relax para os asiduos desta popular zona.


Repartidos entre nove parterres máis dous aloxados situados a carón da Ponte Romana, ademais do propio espacio de delimitación e peche do xardín, se distribúen un bo número de exemplares de árbores caducifolias, destacando entre elas: cedros do Himalaia, álamos chineses, ligustros ou alfaneiros, lamigueiros e mirobálanos, orixinario, este último, da zona dos Balcáns, ademais doutros varios.

Te puede interesar