Opinión

Carballeira da Ramallosa

O  día 27 de xullo do ano 2001 os cidadáns de Ourense conxuntamente cos veciños de Santa Cruz de Arrabaldo estreaban un novidoso Centro de Interpretación da Natureza no denominado Campo da Ramallosa, tamén coñecido como Carballeira da Ramallosa, situado a carón da estrada nacional 120 de Ourense a Vigo.

A remodelación deste singular e peculiar entorno natural supuxo unha nova experiencia por parte dos responsables da Área de Medio Ambiente do Concello de Ourense, ó lograr converter un amplo espazo verde baleiro nun recinto multiuso; esto é, nun parque polivalente que, ademais de servir de balón de osíxeno para a zona, fose, a súa vez, un lugar de encontro e solar para a celebración das festas locais, ademais daqueloutras diversas actividades deportivas: xogos para nenos, fútbol, etc., e tal vez a parte máis novedosa, a propia creación dun aula de estudio da flora existente na bisbarra.

A obra de remodelación se baseou no criterio formal existente formado polo binomio composto pola propia natureza mailo seu entorno, eso sí, respectando en todo momento a identidade do recinto, o que se coñece no argot popular como “espírito do lugar”, consistente na conservación máis fidedigna tanto da realidade histórica e natural do recinto como do espazo circundante.

Ten balcón miradoiro, na actualidade parcialmente cegada a súa visión pola presencia dunha grande adega industrial vitivinícola que impide albiscar na súa totalidade a bisbarra do cercano río Miño; tamén se tivo en conta a rehabilitación de todos aqueles elementos singulares e populares existentes con anterioridade como o tradicional palco da música maila pequena capela barroca con espadana dun só oco con campá, baixo a advocación de Santa María de Arrabaldo, ambas situados no propio acceso ó parque.

A actuación dos responsables da Área de Medio Ambiente foi fundamental tanto na elaboración do proxecto, como no deseño e adecuación do recinto como aula da natureza; así se creou unha interesante zona botánica-recreativa-educativa consistente no trazado dun curto percorrido sinalizado mediante cinco paneis informativos verticais e un horizontal a base de ladrillos de cerámica nos que se informa da presencia en cada zona das diferentes familias da flora existente no recinto, todo elo complementado ca presencia dunha longa cabina-albergue de información en madeira que serve, á súa vez, de refuxio do propio visitante.

Entre os elementos integrantes da nova colonia vexetal figuraban coñecidos exemplares pertencentes ás comunidades arbustivas como acibo, abeleira, carpaza, fento, érbedo, hortensia, xilbarbeira maila popular xesta. Na categoría de vexetación forestal cóntase ca representación do carballo, castiñeiro, amorodo, piñeiro bravo, cerquiño, teixo mailo freixo. Por último o espazo natural conta cun acceso cuberto mediante unha pérgola sostida por dezaseis pares de postes en pedra, ademais, para unha maior comodidade de uso, de espazos merendeiro en pedra cos seus correspondentes asentos e mesas, sen esquecer aqueloutros elementos indispensables nunha zona recreativa como o é unha cativa zona de xogos infantís con areeiro, ademais das correspondentes e necesarias fontes, sen esquecer os sendeiros circulares para o propio paseo dos camiñantes.

A obra financiouse ca aportación tanto do Proder, como da Xunta de Galicia mailo Droucope.

Na actualidade pouco queda do proxecto orixinal salvo a abandonada cabina-albergue de información maila pista de cemento, duns 990 metros cadrados, utilizada maiormente como cancha de fútbol.

Te puede interesar