Opinión

Conxunto arqueolóxico natural de San Tomé

O denominado Conxunto Arqueolóxico de San Tomé atópase situado no lugar de Santomé, pertencente á parroquia de San Bernardo de Tibiás, ó norte, e a tres quilómetros da capital do Concello de Ourense.
Varias son as opcións para achegarse a este singular recinto. Unha é a antiga nacional 120 que conduce a Velle; tras cruzar o río Loña e tomar a estrada local que conduce a Tibianes e Pereiro, a poucos quilómetros do cruce inicial se pasa a carón do castro, situado xusto no límite do concello. Outra opción, unha vez chegado ó Colexio Público de Mende, tomar a denominada Verea Vella que parte dun lateral do centro e iniciar, a través dun fermoso trazado peonil a base de lousas de pedra, un empinado camiño que nos leva ata o castro.
A historia do castro comeza cun pleno do Concello de Ourense do día 22 de outubro do ano 1971, no que o por entón concelleiro da Zona Rural, don Manuel Blanco Guerra, daba conta dunha importante noticia: o achado arqueolóxico dun castro romanizado situado no extremo do termo municipal, no marxe dereito do río Loña, aproximadamente fronte o salto de Castadón. A partir desta data, a posta en valor deste xacemento foi adquirindo unha maior importancia polos restos atopados tras as sucesivas escavacións arqueolóxicas efectuadas polo equipo do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Pero será fundamentalmente a década dos oitenta, cando se encomece a ter en conta outros valores de carácter sociocultural e económico cun novo valor engadido ó propio xacemento como elementos de índole natural pola singular vexetación existente no recinto, ó que se suma o efecto erosivo ocasionado polo desnivel do paso do Loña, que no seu discorrer polo canle, no tramo comprendido entre Tibiás e Mende, ocasiona un fenómeno singular de erosión fluvial, o que se coñece como as cavidades de remuíño ou paleiras, nas que os cantos rodados atrapados no fondo son axitados polas augas producindo un gran efecto erosivo.
A vexetación do recinto atópase condicionada polo microclima existente, de tipo mediterráneo, o que permite a existencia de especies pertencentes á familia das árbores caducifolias: carballo, castiñeiro, freixo e lodoeiro, do meso xeito que representantes dos perennifolios, como cerquiño ou rebolo, sobreira, caxigo, aciñeira, loureiro autóctono e representantes tanto do piñeiro bravo como manso, sen esquecer unha das pragas invasoras, as mimosas. As herbas, arbustos e fentos contan con representantes dos arenaria, herba das doas, peregrina, cangroia... ademais de diversas plantas de carácter rubideiro, como a enredadeira, sen esquecer unha planta autónoma por excelencia, o érbedo.

Te puede interesar