Opinión

Parque alameda da Ponte

Odía 18 de xullo do ano 1968 o por entón gobernador civil de Ourense, don José María López Ramón, acompañado do alcalde da cidade, David Ferrer Garrido, inauguraban un remodelado parque na Ponte situado entre as coñecidas rúas da avenida de Santiago, Caldas, Vicente Risco e Francisco Herrera. Sen dúbida foi un acto sinxelo pero de gran transcendencia para todos os veciños da Ponte, feito reflectido nas diversas crónicas xornalísticas existentes da época nas que se narra polo miúdo tan importante acontecemento social.

A súa ubicación supuxo o aproveitamento do antigo solar no que se situou parte da segunda estación ferroviaria pertencente ó Concello de Canedo, denominada “Ourense Canedo”, e, tralo traslado da mesma no ano 1952, ós novos terreos que ocupan a estación actual, “Ourense Empalme”, pasou o solar un longo período de tempo sen utilidade práctica, destinándose parte deste amplo recinto a converterse posiblemente nun dos máis importante espazos de lecer con que conta A Ponte, compartido solar cós asentamentos relacionados ca ensinanza: “Aneja” e “Escola de Maxisterio” respectándose os espazos baleiros restantes, os menos desgraciadamente, conservándose neles algunhas das primitivas especies arbóreas existentes no lugar. Tras unha serie de reformas no parque, máis ou menos afortunadas ó longo de varios anos, será no ano 1968 cando, con ocasión da instalación da fonte luminosa acade o aspecto actual este espazo axardinado, iso si, dotándoo con posterioridade de todos aqueles elementos e características necesarias neste tipo de recintos de lecer. 

Un elemento relevante e identificador do parque o constitúe a fonte-estanque, construído en pedra de gra, de forma xeométrica irregular. O forma unha pía semicircular aberta que se comunica co resto mediante tres cativas fervenzas, emprazadas a distinto nivel, que permite a circulación ininterrompida da auga contida no estanque. O surtidor principal atópase situado por riba dun alto pé circular sobre o que sobresae unha serie tubos metálicos cilíndricos verticais individuais que foron no seu inicio os encargados de subministrar a auga á fonte, sendo de todos eles o central o de maior altura, hoxe substituídos por vintetrés tobeiras verticais situadas na base da fonte. A remodelación a realizou o coñecido contratista ourensá Abel Cofán, que seguiu o deseño do por entón concelleiro da corporación municipal e responsable da Área de Parque e Xardíns do Concello de Ourense, señor De La Fuente.

O actual parque, de forma xeométrica rectangular a excepción do tramo comprendido entre a rúa das Caldas e parte da avenida de Santiago que é de forma semicircular, ten unha superficie comprendida entre os 3.367 e 3.382 metros cadrados, ocupando os baixos diversos establecementos comerciais, situados nas tres rúas periféricas.Por outra banda, a parte limítrofe ca rúa Vicente Risco a cubre unha pista de cemento que se corresponde ca teitume da cafetería e locais comerciais, sendo o solar restante o que se corresponde có asento das vivendas de uso privado.

Te puede interesar