Opinión

PARQUE PARDO DE CELA

O mundo no que vivimos está a quedarse pequeno. A cotío asistimos ós diversos procesos de modificación do noso entorno: novas estradas, ergueita de multitude de edificacións, creación de espazos de descanso e lecer, e un longo etcétera de vantaxes que permiten o desenrolo dunha vida máis cómoda. Nembargantes, pese a estes adiantos se está a modificar, non sempre para ben, tanto a propia natureza como ó medio ambiente que nos rodea.


As forzas vitais da propia natureza: chan, auga e aire, xuntamente ca flora maila fauna, atópanse sometidas a unha progresiva e permanente presión destrutiva; así, cada día asistimos impasibles a un alarmante e aumentativo deterioro ambiental soamente contrarrestado pola progresiva pero aínda que afortunada axuda existente, en todo o mundo, de todas aquelas persoas que, pola súa sensibilidade natural, perciben de forma moi clara ese ambiente de deterioro, tanto no entorno natural como cultural, en todas aquelas parcelas consideradas como bens paisaxísticos ou especiais lugares catalogados como verdes.


Son os parques e xardíns lugares ou refuxios de paz que afortunadamente se manteñen no noso entorno pese a soportar o importante azote da crecente invasión do cemento maila frecuente e ilóxica presencia dun alcatrán abusivo que come o propio espazo da terra.


Nunha extensión de 3.343 metros cadrados se reparte a zona axardinada que corresponde co denominado parque Pardo de Cela, situado fronte ó Pavillón Municipal de Deportes do Concello de Ourense, delimitado pola rúa do seu propio nome, o inicio da rúa de Progreso, a Ponte Lebrona, maila súa traseira cara ó río Barbaña.


Plátano de sombra, palmeira canaria, azalea e diversas outras especies pertencentes á familia ou forma biolóxica das perennifolias comparten espazo cas caducifolias como o mirobálano, falsa acacia, maila árbore coñecida ou denominada como árbore do ceo, esta última situada como de peche do xardín.


O motivo principal do recinto, como elemento decorativo singular e identificador, o constitúe o largo mural pétreo, de 8 metros de largo por 3 de ancho, que parece xurdir do fondo dun estanque rectangular. Nel se representa variados oficios relacionados cas angueiras do campo. Así, de xeito magnífico, en baixorrelevo, sobre uns pequenos perpiaños labrados no brando granito de Trasalba, aparecen diversas escenas relacionadas ca vendima mesturadas con outras varias actividades referidas ó agro, os oficios artesáns, todo mesturado con animais domésticos e sobre todo ca presencia dos nenos, un dos temas preferido do propio escultor, Antón Faílde Gago. A obra, construída para súa instalación na Feria do Campo, en Madrid, do ano 1962, trasladouse o actual emprazamento en 1988, gracias ás efectivas xestións realizadas no eido oficial polas autoridades da época.


Te puede interesar