Opinión

Paseo pola marxe esquerda do Miño

Aribeira esquerda do noso gran río galego, o Miño, no tramo comprendido entre a Ponte do Milenio, Ponte Vella, pasarela peonil do Vao, Ponte Nova mailo alto e veciño viaducto ferroviario, pasando logo polo lugar de Porto Vello ó que se acompaña a pequena capela do seu mesmo nome, ata chegar á desembocadura do río Loña, constitúe un dos maiores espazos verdes con que conta esta parte da cidade das Burgas, ó que complementa as cércanas superficies ocupadas respectivamente polos parques do Couto, Campo dos Remedios, pradería dos Salesianos, parque Miño, mailo entorno axardinado pertencente á Cruz Vermella.

O espazo limítrofe co río, antano lugar de certo risco físico polas frecuentes e incontroladas crecidas ó que se sumaba a presencia ocasional de perigosos remuíños, ocasionou máis dalgún afogamento de bañistas na época estival. Na actualidade, unha vez acondicionada amplamente a zona, resulta singularmente atractivo e privilexiado este espazo, non só como lugar para a práctica de determinados deportes de baixo risco: sendeirismo, paseo, bicicleta ou patinaxe, sino tamén como lugar de descanso e lecer sobre todo na xa popular zona coñecida como praia da “antena”.

Foi na década dos noventa, con ocasión da construción da variante N-120, que pasa baixo un dos arcos da Ponte Romana, actualmente denominada como avenida da Ribeira Sacra no rueiro oficial do termo municipal de Ourense, cando se construíu a plataforma viaria actual, dedicando a parte inferior da mesma a continuar á zona peonil iniciada ou finalizada na pasarela da desembocadura do río Loña, que continúa polo Paseo das Ninfas para, unha vez atravesada a pasarela peonil de Outariz, proseguir polo marxe dereita do río, augas arriba, a través das zonas termais: Outariz, Muíño da Veiga, Tinteiro e Chavasqueira, ata continuar a Oira.

Nunha superficie aproximada duns 20.000 metros cadrados, situada de xeito paralelo entre o río Miño maila estrada N-120, se reparte un tipo clásico de vexetación de ribeira composta fundamentalmente por algúns escasos exemplares de árbores caducifolios como os lodoeiros mediterráneos, moi abundante noutras datas na zona, actualmente moi escasos; tamén conta con amieiros, empregada a súa madeira na construción por resistir moi ben a humidade sobre todo na confección de trabes para pontes, pezas de muíño, etc., exemplares de salgueiros, choupo e sobre todo de plátano de sombra ornamental, este último moi presente en case todos os nosos xardíns e alamedas.

A carón do viaducto ferroviario existe un cativo espazo verde que conta cunha decorativa fonte ornamental, segundo tento reflectir no debuxo que acompaña ó traballo.

Te puede interesar