Opinión

PONTE RÚA DA ERMIDA

Acontaminación dos ríos que atravesan ou circunvalan as cidades está a constituír un grave problema de difícil solución, tanto para os responsables da protección do medio ambiente como para os propios cidadáns que habitan nos seus marxes, polo perigo real que supón a degradación das augas atacada por todo tipo de elementos agresivos ou contaminantes que arrastran.


O meu desexo de dar a coñecer as pontes existentes dento do Concello de Ourense quedaría incompleto sen facer referencia á obrigada salubridade dos ríos sobre os que se erguen estas construcións civís que describo, tal e como ocorre na actualidade co noutrora fermoso río Barbaña, vivo e abundante en especies, tanto piscícolas como ornitolóxicas.


Frecuentemente, por non dicir a diario, son laiantes as novas que recollen os xornais sobre a contaminación deste afluente do Miño, que percorre de sur a norte a cidade de Ourense. Resulta particularmente preocupante o deterioro medioambiental que existe no seu curso, xa dende antes da entrada no Concello de Ourense, ata a súa desembocadura, preto do Pavillón Municipal de Deportes.


Asistimos impávidos á nula toma de medidas urxentes por parte de todas as autoridades responsables da súa protección: Concello de San Cibrao das Viñas, Concello de Ourense, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Xunta de Galicia e, sen dúbida, o principal responsable do deterioro, o Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas.


Ata cando seguiremos os cidadáns de Ourense asistindo, con enorme preocupación, ó deterioro, visible e evidente, na calidade das súas augas?


A ponte da rúa da Ermida é unha máis das existentes no trazado sobre o curso do río Barbaña que, con inicio na estreita rúa de Eduardo Pondal, comunica, a traveso da serpenteante rúa da Ermida, dun só sentido de circulación, co Pazo de Deportes Paco Paz mailo salón de exposicións de Expourense.


A sinxela ponte, dun longo total de 34 metros en tramo recto, cun ancho total de seis, se acompaña de sendas beirarrúas, de 50 centímetros, protexidas por varandas metálicas de un metro de altura. A ponte se alza a 9,30 metros sobre o nivel da canle do río, sostida por un só arco sobre o que discorre a estreita calzada. A ambos marxes do río discorre un paseo exclusivamente peonil que os comunica mediante un pasal, situado augas arriba, moi preto da ponte.

Te puede interesar