Opinión

PORTOCARREIRO, CAMIÑO CARA Ó SALTO DO CAN

Adescendente rúa de Portocarreiro, ó seu paso sobre o río Barbaña, tiña e ten o seu inicio na rúa de Doutor Fleming para, unha vez atravesada a ponte -entre viñas e hortos no pasado, ocupados na actualidade por modernas construcións-, enlazar ca cercana avenida de Portugal.


Neste punto, o Barbaña, pasada a ponte e antes de chegar á de Ervedelo, formaba un bonito meandro no que afloraban varias illas de vexetación, todo rodeado por frondoso arborado. O vello camiño de baixada cara o Barbaña atravesaba unha vella 'pontella' de pedra, continuando ca subida cara o pobo do Salto do Can maila recente barriada do Couto.


Neste mesmo camiño, a finais do século XIX, atopábase a Fonte do Bispo, que se mantivo activa ata os inicios da construción da avenida de Portugal. Moi preto deste punto estaba un vello pasal, máis ou menos temporal, ó igual cos existentes denominados do Pontón mailo de detrás da Alameda do Concello, ambos compostos de dúas trabes, a xeito de ponte, que permitía o paso do río con bastante dificultade; sinxelas pontes que por mor das grandes enchentas desapareceron no ano 1579.


A sinxela ponte actual de Portocarreiro pertence ó grupo de pontes menores, caracterizadas por unha recta plataforma circulatoria construída en formigón que apoia os seus extremos sobre o muro de contención da terra existente no seu canle de canalización. A lonxitude total do taboleiro é de 16 metros, sendo o ancho da calzada de 9, repartidos entre dous carrís circulatorios, ó que se suma a beirarrúa dereita de 3 metros, máis a da esquerda de 4. A altura total da ponte sobre a canle do río é de 3,50 metros.


A carón da ponte se atopa o parque Barbaña, situado no marxe esquerdo do río do seu nome. Ten unha superficie de 17.741 metros cadrados, distribuídos entre paseos, zonas verdes e axardinadas, prazas, espazo para os máis cativos mailas pistas dedicadas a patinaxe.


Dende a longa e alta pasarela peonil que une a avenida de Portugal maila traseira da Alameda do Concello pódese apreciar magnificamente toda a beleza deste orixinal conxunto de lecer, que permite aproveitar os desniveis existentes no propio terreo ata acadar as diferentes zonas de distracción sen esquecer ámbolos dous paseos situados a ambas marxes do río.

Te puede interesar