Opinión

SEMANA GRANDE NO CARBALLIÑO

Na liturxia católica, a Semana Santa, Grande ou Maior, a última da Coresma, se define como o período relixioso comprendido dende o domingo de Ramos ata o da Resurrección. A Semana Santa é a celebración anual con que todos os cristiáns conmemoran a Paixón, Morte e gloriosa Resurrección do Noso Señor Xesucristo. É un período de intensas celebracións relixiosas dento das diversas confesións cristiáns.


Trala procesión do domingo de Ramos comezan os esperados e traballados desfiles procesionais da Semana Santa, na que os confrades de diversas irmandades ou asociacións, tras laboriosa preparacións ó longo de todo o ano, vestidos cas súas espectaculares capas e cubertas as súas facianas cos cónicos capuchóns, acompañan devotamente os pasos saídos solemnemente en procesión polas rúas de moitas, tanto das nosa vilas, como de cidades do resto de España.


A vila do Carballiño, co seu balneario, extenso parque municipal, mailo principal templo, é un importante centro de atracción turística, no só nos meses do verán, senon tamén no resto do ano, feito que repercute no seu pulo económico e cultural, ó que contribúe igualmente á laboriosidade da súa xente, o que está a permitir un ritmo económico ascendente que redunda a súa na ampliación e desenrolo.


Terra de emigrante espallados por todo o mundo, ten o seu signo máis indicativo no inigualable templo da Veracruz, singular mostra arquitectónica, saída da maxina do insigne arquitecto porriñés Palacios, ademais de configurarse como un dos lugares catalogados como privilexiados da nosa provincia polo seu alto grado de actividade cultural, ademais de festeira.


A Confraría da Veracruz, da que se senten orgullosos todos os veciños do Carballiño, está a recuperar cada ano a tradición da Semana Santa como importante referente relixioso e cultural na vila do Arenteiro. Así, tanto os propios veciños do lugar como aqueloutros visitantes que prefiren ver en directo estas celebracións procesionais, quedan abraiados nestas datas especiais da celebración da Paixón, ante o repousado paso dos compoñentes da Confraría da Veracruz que acompañan pasos procesionais como o do Cristo Crucificado ou o Xacente, e realmente namorados ante a impresionante beleza da imaxe da Dolorosa, dignamente acompañada por distinguidas señoras e señoritas da vila que locen, con primor, esa tan singular e espectacular vestimenta feminina coñecida popularmente como a mantilla española.


O lento e silente transcorrer da procesión ó seu paso polas rúas da vila só se ve interrompido polo desgarrado cántico ou 'saeta', interpretado con fe pola privilexiada voz dalgunha enloitada dama, situada estratexicamente nalgún balcón, tralo paso do Salvador morto.


Quedaría incompleta esta exaltación da Semana Santa na vila do Carballiño sen facer referencia ó importante apartado cultural a celebrar nestas datas, consistente na exposición das reproducións, en miniatura, de 22 pasos representativos da Paixón de Cristo elaborados polo artista cordobés, afincado no pobo de Parada de Piñor, do Concello de Barbadás, Francisco Mayorgas Chacón, artesán, escultor e maquetista, que se expoñen na igrexa da Veracruz, maila importante Mostra Filatélica, Semana Santa do Carballiño 2013, organizada pola Sociedade Filatélica Miño de Ourense, visitable na Casa do Concello, dende o día 16 ó 31 de marzo.

Te puede interesar