Opinión

Tramo Chavasqueira Tinteiro

Pasado e presente. Este puidera ser o título do encabezamento do presente artigo sobre os nosos xardíns e espazos de lecer.

O tramo comprendido entre as termas da Chavasqueira maila fonte do Tinteiro quizais sexa o máis transitado tanto polos camiñantes que queren reducir o seu nivel de colesterol como por todos aqueles turistas que nos visitan, debido fundamentalmente á forte atracción que exercen estas populares fontes termais situadas ámbalas dúas moi preto da cidade. As Caldas da Chavasqueira, ou tamén denominada “Baños do Bispo”, naceron gracias ó mecenado do bispo, máis tarde cardeal, don Pedro Quevedo e Quintano, segundo se documenta entre os anos 1845-53; para outros se sinala o seu nacemento gracias á xenerosidade dun membro da familia Fábrega, con motivo da creación e explotación da cría de vermes de seda para a súa explotación comercial. En calquera caso o que si está claro é a existencia de diversos mananciais espallados ó longo do río Miño, tanto pola súa beira dereita como esquerda, situados augas abaixo da última das grande pontes ourensáns.

As populares termas, situadas a carón do Campo da Feira, abertas cara o público o día 28 de setembro do ano 2001, viñeron substituír a unhas vellas pozas de pedra existentes neste recinto, moi concorridas polos bañistas afectados por diversas doenzas: reuma, artrites e afecciones da pel. A carón deste espazo termal, na beira do río, existe un solar verde utilizado como praia fluvial polos concorrentes ás termas.

Entre a Chavasqueira maila fonte do Tinteiro, nunha superficie aproximada de 5.103 metros cadrados ocupados por espazo verde, existen especies arbóreas de grande tamaño, ó igual, ou mellor diríanos resta do que foi, o “Jardín Terapéutico Pies Descalzos”, deseñado no ano 2007 como deleite e disfrute dos sentidos. Foi o enxeñeiro técnico agrícola Luís Felipe Fernández o realizador deste singular espazo, no que a principal novidade a constitúe o poder circular descalzo a traveso dun determinado percorrido formado a base de cantos rodados, áridos pequenos, anacos de cortiza, herba e vexetais duros, o que constituíu no seu momento toda unha innovación como toma de contacto dos usuarios de xeito natural ca propia natureza. Desgraciadamente a idea non contou co respaldo da cidadanía, polo que o seu desuso fomentou a proliferación de restos de cristais e outros obxectos co conseguinte perigo de lesións. Moi cerca se atopa o espazo de acceso á fonte do Tinteiro, constituído por un enlousado a base de grandes pedras graníticas que conta á súa vez cun espazo verde a carón do río no que se contabilizan diversos exemplares de amieiros e salgueiros, de singular relevancia os primeiros para a conservación das ribeiras do río.

No ano 1977, na zona da fonte do Tinteiro, o por entón concelleiro Blanco Guerra efectuou unhas escavacións arqueolóxicas que sacaron á luz unha piscina rectangular rodeada de sete bañeiras, todos elas construídas en pedra e arxila, ademais de parte dun derruído muro, todos eles de procedencia romana. A existencia destes baños se documenta xa a finais do século XVII.

O manancial do Tinteiro é actualmente un dos máis coñecidos da cidade de Ourense gozando de xusta sona nos tratamentos e doenzas relacionadas ca enfermidades da pel: eccemas, psoríases, etc. Tamén resultan de gran utilidade o emprego das súas augas cando son tomadas como bebida sendo especialmente recomendadas contra os trastornos gástricos ou do fígado, sobre todo moi útiles nos tratamentos bucodentais tal e como aconsella a especialista termal Marita Souto Figueroa.

Te puede interesar