Opinión

XARDÍN DAS BURGAS

U nha das mellores maneiras de coñecer o modo de vida dos habitantes dunha pequena vila ou dunha cidade é percorrer, de xeito paseniño, os diversos xardíns e parques existentes na mesma, tanto si estes son de tipo histórico, como artístico ou monumental.


Ás veces estes espazos públicos, en moitos casos pouco coñecidos ou insuficientemente valorados, nos trasladan, séculos atrás no tempo, a outras épocas permitíndonos recompoñer unha imaxe velada na que as costumes mailo modos de ser das persoas eran moi diferentes e distintas das actuais, onde a presa mailo estrés están a afectar á grande maioría dos cidadáns.


Falar do xardín que contén un dos símbolos que mellor identifica á nosa cidade: a fonte das Burgas, é todo un reto para este modesto colaborador, pola pouca información referente ó deseño e construcción do mesmo, non así do seu solar de asento, por existir algunha documentación ó respecto sobre o mesmo. Varia desta documentación, datada entre os anos 1566 e 1574, fai referencia a existencia nesta depresión dun cativo regato alimentado ca auga quente sobrante da fonte da Burga, acrecentada pola rede de sumidoiros provintes da parte alta do casco vello da cidade. Esta bagoada mailo regato se salvaba mediante unha cativa ponte situada aproximadamente moi preto do impoñente e fea mole actual do ponte da Burga.


Pero, quen foi o deseñador do xardín? Pintor, debuxante e axudante do arquitecto municipal, funcionario do Concello de Ourense, dende o ano 1919, Alejandro Rodríguez Veiras, tralo recheo do solar, foi o creador deste emblemático espacio público situado ós pés da Burga, do mesmo xeito có remodelado entorno da fonte luminosa de Buígas, na Alameda do Concello.


Dende o centro dunha circular praza que serve como base dunha alta farola eléctrica parten radialmente os camiños ou sendeiros que desenrolar os cuadrantes que forman o xardín; así, seis parterres, mailo situado no alto miradoiro a carón da rúa de Calpurnia Abana, compoñen este singular recinto. Resulta particularmente curioso o motivo ornamental figurativo representativo do escudo da cidade situado no interior do parterre central a carón da ponte, xa que nel, en lugar de representar ó león rapante ou pasante empuñando unha espada, aparece erguendo unha grande chave, segundo tento representar no debuxo.

Te puede interesar