Opinión

XARDÍN DO BISPO CESÁREO

A creación dun parque público implica a identificación do recinto elixido tendo en conta os valores existentes no mesmo, ó que se suma diversos potenciais, tanto históricos como artísticos, sociais ou mesmo ecolóxicos.


O nacemento do xardín de Bispo Cesáreo está intimamente relacionado ca división da Horta do Concello en dúas metades como consecuencia do novo trazado da estrada a Castela, a popularmente denominada como 'carretera de Villacastín a Vigo', construída no ano 1854.


Os 'jardinillos' ocupaban un solar de viñas e oliveiras no que proxectaría o arquitecto José Antonio Queralt Rauret, no ano 1888, no lado norte, a ampliación do Seminario Conciliar San Fernando mailo novo Pazo do Bispo, quedando o espacio restante repartido, no lado este, pola traseira do Liceo, a casa do marqués de Leis máis posteriormente polo gran edificio dos almacenes do Olmedo. Polo sur, preto da barronca cara as Burgas, se erguerían outros edificios singulares da man do coñecido arquitecto ourensán Daniel Vázquez Gulías: o almacén do Junquera, o hotel Barcelona, maila vivenda e negocio de Román e Saco, quedando o centro da praza como xardín presidido pola estatua de dona Concepción Arenal.


A remodelación dos antigos 'jardinillos' foi o detonante do traslado da estatua da defensora dos presos ó seu emprazamento actual, na praza de Don Bosco; así, a pesar da oposición cara o devandito traslado por parte da cultura ourensán da época, trala aprobación nun polémico pleno esta efectuouse, de xeito silandeiro, no amencer do día 5 de febreiro do ano 1969, instalando no seu lugar a barroca fonte provinte dun dos claustros do mosteiro de Santa María a Real de Oseira, que se atopaba no bosque do xardín do Posío. Finalmente, o remodelado parque inaugurouse o día 17de marzo do ano 1970, polo entón gobernador civil Fernández Júlbez acompañado do alcalde da cidade, David Ferrer.


O actual xardín, dunha superficie aproximada comprendida entre os 2.100 e 3.082 metros cadrados, ten o seu asento a base de lisa pedra granítica provinte tanto das canteiras de Reza como de Trasalba, e sobre ela se sitúan un total de oito parterres ó que se suma o circular que cingue á fonte ornamental.

Te puede interesar