Opinión

XARDÍN XAPONÉS

A preocupación no caso de construción dun espazo de lecer ó servizo do cidadán a de ter en conta a escala do mesmo, a súa dimensión, situación e funcionalidade, sen esquecer a presencia das edificacións circundantes, querendo lograr un proxecto axeitado en consonancia con fin proposto. A luz maila auga son elementos primordiais de calquera xardín. Se a elo se engade a existencia de determinados elementos vexetais en relación cos elementos arquitectónicos e en sintonía co espazo no que ten asento, este acada a categoría de xardín ou de parque perfecto.


Os pequenos espazos residuais existentes na trama urbana ourensán, aparte do aspecto decorativo e de ocio, teñen o potencial de ser utilizados como zona de paso ou de espera, sen esquecer todos aqueles outros aspectos puramente de carácter lúdico con que foron creados no seu día e as inevitables transformacións e adaptacións que en cada momento do seu emprego foron neles executadas.


A pequena praza nomeada como Xardín Xaponés, situada entre o hotel San Martín e o seu veciño edificio da Subdelegación do Goberno en Ourense, inaugurouse na década dos sesenta -de xeito concreto, no ano 1968, xusto catro anos despois da posta en funcionamento do coñecido e popular hotel-. O seu orixinal deseño causou no seu día a curiosidade tanto da propia xente ourensá como da visitante pola innovadora funcionalidade e creativa estrutura. O autor desta singular obra foi o arquitecto Antonio Alex Reilein, o mesmo que deseñou o edificio máis alto da cidade, coñecido popularmente como Torre de Ourense.


Co paso do tempo este espazo de lecer foi perdendo de xeito paseniño a súa función fundamental, sobre todo cando desafortunadamente se instalou no recinto unha desproporcionada plataforma para a práctica do deporte do monopatín. Coa súa posterior desmontaxe e traslado ó Pavillón dos Deportes do Concello, o espazo recuperou a súa principal funcionalidade; isto é, como lugar de lecer e descanso da cidadanía da nosa vella Auria, ademais de dignificar o acceso ó recinto hoteleiro.


O novo e remodelado xardín, logo da última reforma estética, se abriu ó público o día 5 de novembro do ano 1998, sendo obra da arquitecta Auria E. Soto, cun investimento duns trinta millóns das antigas pesetas (180.303,63 euros), asumidos íntegramente pola empresa construtora Teconsa, pertencente ó grupo propietario naquel intre do hotel, que foi quen executou a obra baixo o asesoramento dos técnicos do Concello de Ourense. O estudio co conxunto permitiu a mellora do recinto, que respectou o estilo orixinal da obra. Así, para unha mellor visibilidade do mesmo elevouse a altura do chan, conservándose o vello mobiliario consistente nuns cubos ou asentos circulares en pedra, de clara inspiración xaponesa. Unha grande oliveira de grande antigüidade, de máis de cen anos e dunha altura de catro metros, conxuntamente ca alongada fonte luminosa, constitúen os elementos identificadores do recinto. n

Te puede interesar