Opinión

Zona recreativa de Oira

Auria e Oira son vellos topónimos que fan referencia á existencia nesta zona tan cercana a Ourense de antigas e pequenas explotacións auríferas nas proximidades do río Miño durante a ocupación romana. O sistema de extracción do prezado metal era moi rudimentario; así, as “aureanas”, mulleres entregadas á súa captación, utilizaban o sistema de “peneirar” as augas na procura de extraer as pebidas de ouro que as augas transportaban no seu seo.


Dende o pasado século, a cercana Oira conxuntamente ca antiga praia das Cunchas mailo tramo comprendido entre a Ponte Nova maila romana foron os lugares preferidos polos ourensáns para mitigar os rigores da estación estival, pese ó perigo existente e real que supuña a presencia de imprecisos e cambiantes remuíños no río que, de xeito invariable, todos os anos segaba a vida de máis dalgún confiado bañista.


Na década dos anos sesenta, namentres a traveso dos transistores facía furor a pegadiza música dos Beatles ou de Enrique Guzmán, co seu famoso “Popotitos”, na zona de Oira, de xeito concreto no marxe dereito do río, se iniciaba a creación dun pequeno recinto recreativo-fluvial que contaba cunha cativa piscina coñecida popularmente como “a chocolateira”, rodeada de céspede en todo o seu entorno, todo elo complementado ca presencia de diversas árbores que, desgraciadamente polas incontrolables crecidas do río durante a invernía, resultaba destruída. Ó ano seguinte ideouse un sistema de plataformas flotantes situadas no medio do río sostidas mediante bidóns baleiros, as cales gozaron no seu momento da simpatía de moitos bañistas.

Tanta era a afluencia de público co Concello autorizou a instalación tamén no río dunha plataforma flotante utilizada como bar, unida á beira mediante unha estreita pasarela. Nembargantes a morfoloxía maila paisaxe desta popular zona veuse modificada, de xeito significativo, cando se iniciou a construción do salto de Velle, no ano 1966, complementado ca posta en funciona mento dunha gran piscina, a actual, modificada en varias ocasións, situada a carón do río.


Co paso dos anos se ampliaron as instalacións mediante a ergueita de senllos vestiarios así como a ampliación do espazo verde, iso si, sempre procurando respectar tanto a flora como a fauna orixinaria do recinto. No ano 1975, ante a maior afluencia de usuarios, iniciouse a construción das novas piscinas, situadas na parte superior da estrada, véndose complementada posteriormente cun polideportivo ó que se engadiría máis tarde un campo de fútbol.


A Aula da Natureza do río Miño, dunha superficie construtiva total de 214,13 metros cadrados, creada no ano 2000, constitúe un importante elemento de difusión e coñecemento das condicións ambientais desta zona, ademais de actuar como museo interactivo dirixido principalmente ós escolares, tendente á súa formación en aspectos fundamentalmente relacionados ca natureza.

Te puede interesar