Opinión

O blues da inseguridade

Con frecuencia soñaba con bailar un blues moi apegado a ela sobre as táboas dun escenario decorado no fondo cun ceo estrelado, típico dunha noite de verán no Ribeiro. Era unha desas fantasías que, de forma recorrente, acudían á cabeza de Solovio, entre involuntarias e obrigadas, nesas horas nas que a consciencia, totalmente rendida, semella ir descansar para tomar alento e, de camiño, deixar a porta completamente franca ao goberno da arbitrariedade mental. Son eses momentos, quizabes caóticos coma o tempo prístino de creación do universo ou talvez ordenados segundo a mesma operación que define o resetear dun computador, onde unha sorte de subconsciente opera de maneira activa entre o lusco e o fusco da actividade humana e amosa ben ás claras aquilo que realmente é o sono: unha fase máis das que goberna ese imperativo circadiano que, autoritario e vixiante coma unha versión imaxinaria do panóptico de Bentham, eríxese en mecanismo que controla, regula e planifica a vida do ser humano, ao tempo que a divide en períodos infinitesimais de existencia cunha duración taxada de vinte e catro horas.

No decurso dese soño a proxección mental que se lle presentaba, sobre a tea branca case vaporosa dun maxín convertido en pantalla improvisada, adoitaba mostrarlle a Solovio unha escena, representada na tona do tapiz vexetal que sustentaba o xardín dos seus segredos, na que unha parella intimamente ligada, case fundida nun só, movíase paseniño ao compás dunha canción que, coma se fose un fío musical instalado de forma espontánea pola natureza, soaba de fondo cun ritmo agarimoso, suave e harmónico. Mentres a música os dirixía ambos os dous amantes, con cada paso do seu baile, semellaban refregar os corpos ao tempo que sorrían cando sentían nos pés ás cóxegas amables e a frescura dunha herba verde e fina, abonada coa man chea de recordos dunha apaixonada historia en común que, de seguro, aínda gardaban. Porén aquel era un baile que angustiaba a Solovio posto que lle soaba decote, entre enganoso e traizoeiro, a un desexo non cumprido, a unha eternidade frustrada, a un adeus sen ocasión ás bágoas, a unha despedida definitiva, máis sobre todo a unha absurda inexistencia.

 O home gozaba cada vez que pousaba as súas mans trémulas sobre os cadrís firmes e esculturais daquela muller ou ben mentres fitaba os seus ollos claros e penetrantes, co gallo de esculcar polo miúdo na linguaxe do seu silencio e atopar así a única verdade que agardaba descubrir. El mantiña firme o pulso mentres ela, coa aquela mirada feminina profunda e desafiante, propoñíalle un novo reto, unha aventura de paixón a cada paso máis arriscada. Nun xiro propio do baile a cámara enfocou a faciana do home que non semellaba a de Solovio. Un camiño pavimentado coas laxas da angustia percorreu a xeografía daquel soño.

Cando espertou do seu pesadelo, cun grave rictus de tensión no seu rostro e as cóxegas amargas que lle facían as ducias de gotas miúdas de suor que percorrían a gran velocidade as súas fazulas ata mollarlle o pixama, Solovio sentiuna ao seu carón, agarrada ao seu brazo, tocando cos dedos a súa pel. Nese momento de alivio caeu na conta de que el era o home con quen ela levaba bailando aquel blues toda a súa vida, sobre as táboas dun escenario decorado no fondo cun ceo estrelado, típico dunha noite de verán no Ribeiro. E ao recuperar o alento, Solovio comprobou outra vez que se ben no estado de consciencia os sentidos poden enganarnos, durante o goberno do subconsciente, ás veces, os soños tamén o fan e deixan á vista os nosos temores e inseguridades.

Te puede interesar