Opinión

O espello

Mentres a xema dos dedos índice e corazón das dúas mans percorrían con suavidade a xeografía do seu rostro esparexendo paseniño o cosmético, Solovio lembrou cun sorriso inocente aquel día, mergullado aínda no período temperán da adolescencia, no que ambos os dous asinaran un pacto de non agresión segundo o que aquel cristal liso e relucente amosaríalle seguido a súa visión da realidade dun xeito amable, lene e piadoso mentres que el aceptaría o seu ditame inapelable dunha maneira tranquila, sen enfados nin pregarias cheas de calquera sen sentido e, sobre todo, ermas de toda lóxica biolóxica. Eran os primeiros anos da década dos oitenta e daquelas cada vez que o mozo se arrimaba ao espello xa non vía debuxos animados senón unha nova realidade que se reflectía nos signos típicos dun tempo de espertar hormonal e de descubrimentos, algún deles dabondo perigoso. E foi nese mesmo momento cando aprendeu a aceptarse tal e como era e xurouse que endexamais a estética sería un motivo de preocupación para el máis alá dos límites do psicoloxicamente aceptable.

Co decorrer dos anos, xa en plena madurez e novamente fronte a aquel trebello rectangular con bordos romos e suaves que se erixía diariamente no seu xuíz e polígrafo, Solovio foi consciente de que, de xeito independente ao que contemplaba, o máis salientable era entender que aquela imaxe que se lle presentaba diante non era toda a verdade senón unha aparencia de coñecemento sobre el que para algúns, as mentes superficiais, erixíase nunha certeza que semellaba mudar os dous lados da realidade que se enfrontaban: a visión integral da persoa e os seus carácteres fronte á simple aparencia física de tal realidade. A certeza, a miña verdadeira esencia, atópase no meu interior e o que ti me estás a ensinar non é máis ca unha ilusión, faláballe ao espello coa seguridade de quen cre o que di.

Esa mañá Solovio laiábase de que moita xente, coma no relato de Edgar Allan Poe que lera cando mozo, pintou o seu lenzo, verteu as súas arelas e fantasías, nunhas redes sociais que non amosaban a realidade senón unha imaxe deturpada da mesma. Procuraron modelos estéticos en casas alleas e fiaron a solución das súas frustracións a exhibirse nun cadro que non dicía a verdade case nunca. Solovio negouse a pintar ese lenzo. Por iso, máis polo que significaba de frustración para el, demoraba o máximo posible o intre de colocar a máscara para saír da casa pois era un exercicio que o arrepiaba e perturbaba xa que, coma lle ocorría a Dorian Gray, aquel anaco de tea constituía unha dexeneración da súa personalidade que se ría del a través do mesmo espello no que, na mocidade, depositara a súa confianza.

Te puede interesar