Opinión

Relatos dun tempo

Adolescencia. Aquela mensaxe que aparecera no móbil conturbouno. A solicitude de amizade rexistrada no seu perfil de Facebook chegara con demasiadas décadas de atraso. Mimetizado coa friaxe da noite ourensá, Solovio sentiu como un xeo rexo e duro invadía paseniño o seu corazón. Coma se fose un flashback de imaxes dos seus anos mozos, as lembranzas do primeiro amor asolagárono.

Aqueles foran tempos de efervescencia hormonal, de quentura adolescente, dunha total inocencia sentimental. Supuxeran os primeiros sobresaltos para un corazón novel e aínda sen curtir polas leccións maxistrais da vida. O certo é que despois de percorrer en dúas etapas un camiño abondo tortuoso, Solovio escollera seguir o seu instinto mentres Cristina decidira vivir coma un canto rodado. 

Yesterday. Unha vida chea de xogos e confusións rematou coas esperanzas de Carme na beiravía do fracaso e a desilusión. Sempre fora unha nena consentida e cunha vida regalada de xeito que chegou a crer que podería vivir de rendas para toda a eternidade. Adoitaba xogar a apurar a corda ata o límite sen reparar nas consecuencias e, nesa dinámica, acostumouse a gañar.

Corrían os anos oitenta. Nas noites de lecer universitario en Ourense as copas e a paixón artificial gobernaban un leito movido por cadeiras que cimbraban ao ritmo daquela canción de The Beatles. Carme vivira unha adolescencia ardente e irrespectuosa que, co tempo, resultou o preludio dun camiño con demasiadas voltas e reviravoltas. Solovio non tivera novas sobre ela ata había catro anos cando un amigo lle xurou que a vira facendo autostop nunha estrada da Coruña.

O cabalo. Cidade de Ourense durante os anos oitenta. Aquela foi unha década complicada para unha pequena cidade “de provincias”, tal e coma se adoitaba dicir aínda entón. A rapaza camiñaba segura e leda pola rúa de Santo Domingo na procura dunha noite de lecer cos amigos. Semellaba unha peregrinación cara á pequena selva confinada entre vellas pedras históricas, porén era en realidade unha andaina rexa e perigosa sobre un chan de falsa liberdade.

Barrio antigo de Auriabella baixo o influxo dun ar fresco de liberación. A tradición e a modernidade mesturábanse nunha combinación certamente perversa, por veces mortal. Aquel rapaz agradáballe de verdade e non pensaba a vida sen el, era o inocente idealismo dos dezaoito anos. Cada noite senllas doses de heroína disolvíanse no torrente dos seus sangues adolescentes; cada noite a parella cabalgaba polas chairas da morte baixo o luar que iluminaba traizoeiro o casco vello ourensán. 

Cidade de Ourense no ano dous mil. Carlos, un mozo pertencente a aquela familia ourensá “de toda la vida”, dirixe con gran mestría e éxito unha asesoría de gran sona na cidade. Mentres tanto María do Carme, muller “de orixe humilde”, ingresa por cuarta vez nunha clínica de desintoxicación.

No leito do fracaso. Lembranzas de rúas frías e corazóns quentes; de leccións aprehendidas e conversas improvisadas; de noites húmidas e sabas molladas; de corpos anónimos e amenceres amnésicos. Despedidas madrugadoras con insinuacións incompletas e argumentos inconsistentes; con escusas fuxidías e dúbidas xustificadas; con promesas baleiras e buses ateigados; con teléfonos mudos e fuxidas xordas. 

Son estampas que adoitaban repetirse nas mañás tinguidas polo verdor da despreocupación típica do tempo mozo aínda que, ás veces, destilaban tamén os efluvios dun ar culpable cargado dese recendo noxento que recorda ao cheiro do mofo que aniña no leito do fracaso repetido.

Te puede interesar