Opinión

Antropoloxía do hooliganismo

Que esperar dun espírito morno? Nada, salvo a garantía de que será a personificación do aburrimento. Detrás dun individuo equilibrado só pode agocharse un individuo soporífero. Noutros tempos, talvez o canon da época encaixara coa alma dun home temperado. Alguén así, hoxe, lonxe de ser modélico, equipárase ao que entendemos por un pelmazo. Na discreción e o comedimento dos que fai gala esta xente, os días vólvense monótonos. E a nada lle ten máis arrepío a sociedade que a repetir experiencias desaboridas. No século no que a variedade de entretemento é a razón última pola que non estamos todos suicidándonos, por orde alfabética, ou aleatoriamente, segundo se nos ocorre, o maior pecado é caer na espiral de tedio. Fronte á desgana e a equidistancia, o novo individuo persevera na militancia, e cando é preciso, practica o fanatismo. Non hai home suficientemente actual que non sinta fervor por unha idea, non adore un obxecto, non admire a un semellante, non dea a vida, se así é preciso, por un grupo. Hai no perímetro unha hooliganización das emocións que non nos debería pasar inadvertida. Está en todas partes, estamos rodeados. Loucos do Barça, fanáticos do iphone, apaixonados de Garzón, incondicionais de Cristiano Ronaldo, partidarios a morte de Baltar, adictos dos Soprano, amantes do sistema Mac, fieis a Foster Wallace, fans de Iggy Pop, lectores ensimesmados de El Mundo, admiradores dos touros, espectadores adictos a Mira quen baila, belenestebistas...

O fanatismo evolucionou ata mesturarse coas máis nimias e infelices rutinas. Nesa transición desfíxose da carga semántica que o vinculaba co terror. Un fanático xa non ten por que ser un terrorista. Basta que tome unha idea, un obxecto, e se identifique con el. Nese intre, estará atado. É o malo das identidades: un non está disposto a renunciar a elas así como a así. Tal e como se mostra, o hooliganismo conduce á escravitude. Atrapado o individuo na devoción, fica sometido pola súa icona. Primeiro sacrificará a coherencia; logo, o sentido común. Sabemos, dende Eurípides, que aquel a quen os deuses queren destruír, primeiro vólveno louco. Eu son do Atletico, que me vai dicir.

Te puede interesar