Opinión

Bares

Basta mirar moito rato unha cousa, escribiu Flaubert, para que esta se volva interesante. Gústame somerxerme na sandez, e por esta razón, e porque casualmente un día lin a Flaubert, estiven mirando dous meses para o Facebook. Pasado ese rato advertín, como factor máis interesante, que camiñamos en dirección a desocialización. O Facebook, ou o Twinter, ou o Messsenger, ou os sms, ou as descargas do Emule, ou o home-cinema, póñennos na vía do illamento, da reclusión paulatina en espazos pouco concorridos. Talvez, na primeira fase, semella o contrario, é dicir, canto máis sms, ou máis e-mail, ou máis Facebook, ou máis pantallas, máis velocidade, máis inmediatez, máis liberdade, máis cor, máis futuro, máis todo. As redes sociais de Internet, de feito, preséntanse como o soporte ideal para multiplicar o número de amigos. Se temos poucos, gañaremos algún, e se temos suficientes, teremos máis e, cun pouco de sorte, famosos.


Pero máis aló da aparencia, máis aló da liberdade, están os barrotes do cárcere, está a soidade, está a introversión, está a estupidez, están os individuos que non saben para que lado aperta un parafuso. De entrada, amplos espazos como o Facebook, ou comunicacións como o sms, erradican dun golpe o compoñente presencial. É como se concluíramos que é un absurdo percorrer medio quilómetro, ou tomar un bus, ou buscar aparcamento no centro, para quedar e dicir as cousas á cara, se podemos despachar calquera noticia a través dun post ou dunha mensaxe sen abandonar a habitación.


Conversar, en termos tradicionais, volveuse esgotador. Xa nin sequera é posible demostrar que falando cara a cara nos entendamos mellor que enviando recados abreviados a través dunha pantalla. Parece grave, pero en realidade é unha cousa máis seria. De aí que non lle concedamos importancia. Chegados a esta parte é cando eu regreso aos bares e ao alcohol na busca dunha saída. Parece frívolo, pero en realidade é unha cousa máis baleira. De aí que eu lle conceda máxima importancia.


Nos bares comeza a resistir a nosa última conexión co mundo real, en tanto que espazo no que aínda é posible a socialización. No alcohol, a nosa última oportunidade para a lucidez.



Te puede interesar