Opinión

Burato

Hai un momento crucial, dentro da postmodernidade, que pasou relativamente desapercibido para o mundo, pero iso non lle rouba transcendencia. Ao contrario: canto máis oculto, máis destacado. Foi o día que Miquel Barceló, coa capacidade dos xenios para camiñar sobre enunciados simples, sinalou que a esencia da superficie son os vultos e os buratos. Nada máis. Vultos e buratos. Vultos, buratos. Interesantísimo. Se agora tomamos como referente a André Gide, para quen non había nada máis profundo que a superficie, a observación do artista gaña valor. E os vultos e buratos, carga interior. A súa relevancia externa resulta tan acusada, que esa notabilidade pasa a ser intrínseca, espiritual. Vultos e buratos, pois, forman parte de nós, agocharon acomodo no noso núcleo, trasladándose da superficie ao fondo.


No caso dos buratos, incorporáronse ás nosas rutinas coa forza do correo de gmail, o aparcamento de O.R.A., os smartphone ou a vitrocerámica. Non sei canto tempo máis podemos, como sociedade, retrasar un debate nacional sobre os buratos e sobre os vultos. Si, seguimos reflexionando sobre o Estado, o modelo económico, a globalización, a fusión das caixas, o carné por puntos, a morte pero, e os putos buratos? Si, os buratos. Que pasa? Ninguén advirte que os buratos forman parte esencial da entorna social, igual que o automóbil, o código penal ou o keynesianismo? As escavacións, os movementos de terra, as perforacións, o fondo e abismal etcétera, saen ao noso encontro continuamente. Non quixera resultar ocorrente nin gracioso. Entendo que estamos diante dun tema serio: os buratos.


O burato veu para quebrar o aburrimento que tiña estendido a liña recta, o deseño extraplano. Nese senso, tanto movemento no piso en dirección ao núcleo terrestre non actuou senón como unha ventá aberta, deixando pasar aire fresco. Furamos, logo somos máis libres. O trazo liso e suave impuxera unha idea demasiado evanescente da realidade. Faltaba xesto no mundo. Iso precisamente é o que trouxo o burato: expresión, espavento, ruído, caídas, hostias. Ata cando haberá que aturar isto, alcalde?

Te puede interesar