Opinión

A capacidade dever máis aló

Non sempre ten un cousas que dicir cando conta cun espazo nun xornal para dicilas. Persoalmente, cando caio nese baleiro sigo o método ideado por Los Chichos, que dende o comezo da súa carreira tiveron claro que nunha rumba nunca hai que complicarse falando do hipotálamo lateral ou de Caravaggio no marco da pintura barroca. Baixo esta lóxica musical, o seu primeiro éxito chegoulle en 1974, cunha canción de letra relativamente simple: 'ni más ni menos'. A falta de tema, dicía, eu aplico o mesmo catecismo. Moita simpleza. Pero moita. Porque na estupidez, ás veces, está o éxito. Sen pretender ser máis que ninguén, confeso que nese campo móvome dende hai anos con certa seguridade e elegancia. Esa carencia de tema, de feito, levoume á publicación das fotos nas que Julián Muñoz, ex alcalde de Marbella e ex noivo de Isabel Pantoja, aparecía espido na cuberta dun iate en Ibiza. Estudeinas de arriba a abaixo, de esquerda a dereita. Comentaristas máis expertos ca min fixeron o mesmo, pero eles coincidiron á hora de ver, detrás deste fulano en pelotas, unha poderosa metáfora do ave fénix. Eu só vía pelotas.


Non teño boa vista. Cando miro, só vexo cousas. Normal, dirá vostede. Parcial e relativamente. Tal e como eu o vexo, e perdón polo xogo de palabras, as cousas que se advirten a simple vista resultan insubstanciais. Para non ver máis que o que aparece diante dun, ter ollos é máis ou menos o mesmo que estar cegos, matiz arriba matiz abaixo. Pasoume con Julián Muñoz o mesmo que coa selección española de fútbol. Eu só vía goles e vitorias deportivas onde outros distinguían a resurrección do Imperio.


En cuestión de vista, é dicir, de boa vista, só envexo a Edmond Goncourt. Nunha das entradas do Diario que escribía a medias co seu irmán Jules, o vello Edmond anotou un recordo de xuventude ao ter coñecemento da morte, aos 76 anos, da súa prima Fanny. Unha mañá, sendo el neno, entrou no dormitorio matrimonial da súa prima, e viuna 'coas pernas abertas e o cu sobre un coxín con festóns bordados, a punto de ser penetrada polo seu marido'. Non sei cantas persoas, de ter estado naquel dormitorio, poderían lembrar cincuenta anos despois os festóns bordados do coxín.

Te puede interesar