Opinión

Derivadas

A todos nos dan, dun modo ou de outro, unhas hostias todos os días. Pero todos. Isto non admite discusión. O castigo é regular, inflexible, eterno. Loxicamente, tamén é familiar. Nalgún momento asumimos que o ser humano aguanta todo o que lle boten. Calquera cousa. Incluída a merda. Fíxese vostede, que a merda especialmente. Non sei por que será. Este principio, que tampouco admite controversia, explícao todo, e regula a nosa relación co exterior, co mercado. Porque a realidade, para resumir o resumen, devén nun elemental e simple intercambio comercial, e pouco máis, resumindo. Na medida que o depósito que levamos dentro nunca se enche, e que encaixamos as hostias, por dicilo de algún xeito, gratis, cun grande sorriso, o mercado adquire alas. Entendémonos? Nós calamos, para seguir resumindo, e o mercado crece, expándese, até acadar o principio máximo polo que se rexe dende hai anos. Estamos falando dun principio universalmente admitido, sobre o que xa reflexionou Newton: o cliente é lixo. Outra vez hai que traer a Sciascia a este lugar, para lembrar que os grandes beneficios fan desaparecer os grandes principios. Agora enten derase todo mellor, verdade? Dende por que a vostede a compañía telefónica o trata como o trata, a cales son as razóns para que as televisións emitan o que emiten, ou que algúns escribamos o que escribimos, ou que os bancos nos atraquen como nos atracan. Está moi claro: porque vostede, e el, e nosoutros, somos lixo. Non só lixo. Dada a nosa actitude, hai que colixir que nos identificamos co lixo. Na vida, polo visto, é importante ter identidade. Bastante desgraza é estar a desgusto co traballo e cos xefes que padecemos, como por enriba non estar de acordo en que, como clientes, somos esencialmente lixo. Resulta un feito tan claro que, en efecto, non pode ser máis misterioso.


Francamente, non sei por que escribo todo isto. Non tiña ningunha intención, cando comecei falando das hostias que recibimos, de acabar derivando no mercado. Antes de que todo se torcera, eu só tiña o propósito de falar, por primeira vez na miña vida, de Núñez Feijóo e do consistente goberno que dirixe sen vaivéns. En todo caso, a semana que vén falaremos dos bispos.



Te puede interesar