Opinión

Deslocalizar

Estamos deslocalizados. Nós, os individuos. Marchamos da realidade seguindo a mesma pauta, nin máis nin menos, que as grandes empresas que trasladan a produción a China, a Marrocos, a Hungría. Que pauta? Só hai unha pauta: o benestar, a facturación, a euforia, o choio. Estou deixando de beber pero, curiosamente, bebo máis que cando non intentaba deixar a botella. Non me gustaría chegar á conclusión de que a receita para deixar de beber definitivamente é seguir bebendo o de sempre. Pero é difícil non crer que esa é a solución, dados os resultados. Por que? Porque estou deslocalizado. No momento que deixe de beber regresarei ao inferno, entrarei en perdas, serei sensible aos berros, á estupidez, volverei ver a podremia. E como non quero iso, bebo. Cada un deslocalízase á súa maneira, tal e como pode vostede advertir.


Hai xente que traballa o dobre, porque busca deslocalizarse da familia. Moi respectable. Xa sabemos que a familia, en ocasións, fede. Hai xente que fecha os ollos, que mira e non ve, salvo que interese, e así fica deslocalizado sen gastar en vodka, coma min, nin facerlle un feo aos seres queridos. Hai individuos que inxiren pastillas sen parar. Traca, traca, traca... todo para dentro. Que pastillas? De todo tipo, con tal de non ter que advertir o que sucede ao seu redor. Pastillas para non afrontar un desgusto; pastillas para non lembrar que o fracaso é cousa de todos os días, coma o xornal; pastillas para non ter demasiado presente o que somos; patillas para etcétera. A súa tolerancia á adversidade morreu hai anos e só atopan agocho nos envases.


Hai xente que le catro libros á semana. Hai xente que leva o ipod cravado nas orellas todo o día. Hai xente que contrata xogadores sen preguntar o prezo. Florentino Pérez, por exemplo, está moi deslocalizado, vive noutra dimensión, na dos billetes. Bárcenas me parece que tamén está deslocalizado, pero non sei onde vive con exactitude. Talvez con Florentino, nadando na abundancia, pero só falo por non estar calado. Tampouco sei onde vive o ex director do CNI. A deslocalización é xa un destino turístico. Non, minto.


A deslocalización é iso que chamamos residencia habitual, o noso paraíso diario fantasmal.



Te puede interesar