Opinión

Eleccións

Cando Samuel Butler advertiu que a galiña podería non ser outra cousa que un procedemento do ovo para fabricar outro ovo, non estaba falando de galiñas nin de ovos. Si, falaba de galiñas e de ovos, pero para non ter que referirse explicitamente ás estratexias de control sobre os individuos que exercen outros individuos. O ovo e a galiña representan a metáfora perfecta para denunciar as funcións de distracción que exercen sobre a sociedade as cortiñas de fume, cando invitan a ollar para cousas aparatosas pero insignificantes, no canto de reparar nos feitos cruciais.


Saltemos da metáfora a unha linguaxe menos simbólica, máis directa. Pensemos nas eleccións galegas e vascas. Calculando a ollo, votamos hai sete semanas.


O corpo, como quen di, aínda está quente. Agora reparemos nas eleccións europeas. Están ao caer, polo que votaremos unha vez máis no prazo escaso de tres meses. Lembremos, por último, as eleccións xerais.


Non pasou máis ca un ano, pero xa hai quen fala de que a lexislatura está morta, e sería o momento dun adianto. Por non falar que antes que cedo che garán as municipais. Que significa esta profusión de procesos electivos? Talvez alguén considere que o caudal de eleccións fala marabillas da nosa saúde democrática. Quizais non falte quen crea que todo isto (eleccións hoxe, mañá, onte) quere dicir que os cidadáns sometemos a control e avaliación as nosas institucións rigorosa e continuamente. E por lóxica, iso fala tamén da fortaleza da democracia.


Non, non, non. Crer iso, confiar neses talvez, neses quizais, sería pensar en termos de galiña. É o momento de reflexionar en termos de ovo, de non facer caso da cortiña de fume que levantan os procesos electorais. Por que non soster que as eleccións constitúen só o procedemento dos partidos e as persoas que controlan os partidos, e que copan os cargos públicos antes das votacións, para seguir ocupando eses cargos tamén despois? Se cadra non importa qué votemos porque non ten consecuencias. Non cre que antes e despois eles exercen o control, empregando as urnas simplemente para ocultar que os cargos públicos son hereditarios entre a familia que forman todos os do seu xénero?

Te puede interesar