Opinión

Enfado

Enfadáronse. Home e muller mantiveron unha discusión quente, dixéronse algunhas frases descarnadas e doentes. Houbo berros. Incluso saíron algúns trapos sucios do pasado, que non viñan ao caso, pero que serviron para reforzar os argumentos das partes. E logo, calaron. O silencio entrou no diálogo como unha coitelada, e comezou a sangrar. A casa sumiuse nun baleiro conmovido, como se acabara de ser desvalixada por un ladros. Cada membro da parella, despois dos reproches, os cruces de acusacións, as expresións rabiosas, mastigou a súa carraxe en silencio, coa boca fechada. El estaba convencido de que por unha vez asistíao a razón; ela, persuadida de que como case sempre, volvía ter toda a verdade da súa parte. Baixo estas conviccións, ninguén ía dar o brazo a torcer. Tal vez se o outro se amosaba humilde, e pedía perdón, podería perdoar.


Pasaron dúas horas e non houbo xa non unha solución. Nin sequera existiu un achegamento. Mantíñanse as distancias o os termos do desacordo. Mantíñase, de feito, o silencio cara o que se volveran tanto el como ela. Marcharon traballar cada un nunha dirección. Pasaron máis horas. Tampouco ao regreso, pola noite, foi o momento da reconciliación.


Transcorreu a noite. Durmiron el na punta esquerda e ela na dereita. Ficaron toda a noite na mesma posición. Amenceu. Todo apuntaba a que ese día non sería un bo momento para achegar posturas. Non se dirixiron a palabra. Nin se miraban. Case podía dicirse que, mentres cada un preparaba o seu almorzo, actuaban de tal xeito que se desprezaban.


Pasaron dous días. Mantiveron o silencio. Mantiveron a distancia. Mantiveron o rancor. Mantiveron a carraxe. Unha semana despois acostumáronse a convivir de costas. As semanas deron paso aos meses, e despois dos meses chegaron os anos. Seguían enfadados, sen comunicarse, pero xuntos. Tal vez non se divorciaban porque esa separación obrigaríaos a negociar os termos da ruptura. Xa non lembraban as razóns polas que discutiran aquel afastado día. Unha mañá, no seu ocaso, estaban na cama cando el se volveu e preguntoulle: sabes unha cousa?

Te puede interesar