Opinión

Fuxica

Cada vez temos menos que ver coa realidade. Tal e como a viñamos coñecendo (traballo, normativa, modas, prohibicións, medo, patatín, patatán) resúltanos día tras día menos familiar. Dispáranos os nervios. Toléanos. Fuxímoslle. Hai, na actitude coa que nos desenvolvemos dentro dela, unha clara vocación desertora. Pénseo cinco segundos. Non advirte, pola nosa parte, unha proliferación de comportamentos a través dos cales facémonos o morto claramente? Aspiramos a vivir nunha Gran Evasión o maior tempo posible. Na Illa. Somos iso que Chantal Maillard denomina sociedade poliescapista.


O traballo, os atascos, a familia, a declaración da renda, a velocidade das cousas, Rouco Varela, os pagos domiciliados, os exames, os pais, os fillos, as sinais de tráfico, o código penal, o terrorista suicida, o son do teléfono: todo nos abafa. Precisamos un muro, estar solos, acceder ao baleiro, desconectar como un electrodoméstico máis. Escapar, en fin, desta realidade de merda.


Non é unha necesidade nova, pero si unha necesidade máis imperiosa, absoluta, que en calquera outro momento do pasado. No pasado debiamos conformarnos coas drogas, o alcol ou os soños. Eran o refuxio primario, e único. Fóra diso só existían as inclemencias. Daquela había que escapar ao mundo dende o bar ou a cama. As cousas mudaron. Podemos seguir bebendo, pero o individuo contemporáneo pode fuxir da realidade dende casa, esperto, sen caer na xenebra. As trinta canles da TDT, os videoxogos, a blackberry, Google, Facebook ou Youtube, é canto precisamos para abandonar este mundo relativamente sobrios. A miña patria, escribiu Luís Alberto Ayala, é o Baleiro. Cara aí nos encamiñamos. Non existe ningunha razón para aguantar na realidade máis aló do preciso, do xusto, do que reflexa o convenio colectivo. Cumpridos os horarios, podemos abandonar o escenario por calquera porta simplemente entrando pola da nosa casa. No Messenger e os chats habita toda a compañía que precisamos. No videoxogo a vertixe. Nos auriculares a banda sonora. No teléfono as instrucións familiares. E en internet todo o demais, incluído o sexo.



Te puede interesar