Opinión

A historia defrank guitarras

Francisco Fragoso García foi un músico de terceira fila. Talvez de cuarta. Só lle faltaba talento, é certo, pero se cadra iso é moito. A súa carreira estivo acorde con esta circunstancia, e careceu de éxitos. Non melloraron as cousas cando adoptou Frank Guitarras como nome artístico. Loxicamente, sempre pensou que estaba chamado a algo grande, e xamais deixou de compoñer e tocar. Quizais alguén recorde a Frank fracasando, hai trinta anos, nun local de Vigo, unha noite calquera. Ou en Ferrol, París, Baiona, Londres, Berlín, Madrid, Lugo. Tamén nas noites destas cidades fracasou. A súa historia é profusa. O mércores, Francisco Fragoso morreu en Albacete. Tiña 67 anos. Nacera en Ourense.


Eu coñecino nun bar hai sete anos. Daquela, el era empresario de quinta división, e eu un bebedor, digamos, importante. Pedinlle unha historia. Nada máis que unha, pero a poder ser, a mellor. Agardaba o relato dun concerto nun pub de mala morte en Manchester, unha navallada á volta dunha esquina en Lavapiés, ou se cadra en Vichita. En todo caso, unha heroicidade truculenta, á altura só dun fracasado. Pero veume con outra cousa. Levoume a Moscú, no ano 1980, en plena Olimpíada. Non me explicou que facía alí e eu calculei que tocar, non. Falou dun bar noxento nun curruncho da cidade, ao que unicamente se chegaba despois de perderse. Na barra estaba Frank, só, cun vaso na man, cando entrou un fulano de metro noventa, triste. Moi perdido. Bebeu os primeiros vodkas con présa, e logo afrouxou, pero sen deterse. Aquel home chamábase Alberto Juantorena e esa tarde viña de quedar cuarto na final dos 400 metros lisos. Despois dun ano de lesións, chegara con grandes interrogantes á cita olímpica, onde renunciou a correr a proba dos 800 metros. Nos 400, Markin, Mitchell y Schaffer levaron as medallas e a gloria.


Xa amencera cando Fragoso devolveu a Juantorena á delegación cubana, na vila olímpica, roto como un xoguete. No relato de Frank brillaba a admiración por aquel atleta que en Montreal 76 marcou un fito aínda non igualado, ao proclamarse campión nos 800 metros, por diante de Ivo van Damme e Steve Ovett, e nos 400 metros, superando a Fred Newhouse e Herman Frazier. Conto todo isto porque talvez nunca máis volvamos oír o nome de Francisco Fragoso, chamado Frank Guitarras, e esquecelo sería un crime.


Antes, tivera tempo de escoitar da súa propia boca, como foron as dúas finais

Te puede interesar