Opinión

A IMPORTANCIA DOS GOBERNOS

Manexo a escura convicción de que sobrevaloramos aos gobernos. Esa atención que acaparan, como se non existira nada máis determinante, está inxustificada. É certo que posúen a capacidade de influír, incluso de determinar as nosas vidas, pero é que tamén estou turbiamente convencido de que nos sobrevaloramos a nós mesmos. Deberiamos actuar máis a miúdo baixo o principio de mediocridade. Este parte da premisa, con perdón, de que somos unha bosta. Sofisticada, hábil, intelixente, pero bosta. Non hai razón ?sinala a segunda premisa, de enunciado máis suave? para que nos sintamos especiais. O principio de mediocridade está directamente relacionado co concepto de antropocentrismo, no senso de que non pode ter menos que ver con el.


Vivimos desenfocados. Nós vivimos desenfocados e iso debilita a nosa capacidade para enfocar adecuadamente o que nos rodea. De aí, sospeito, que sobrevaloremos aos gobernantes e que, en cambio, non outorguemos cumprida categoría a botánicos, manipuladores de alimentos, antenistas, entomólogos ou poetas. En relación aos poetas, teño a teoría de que hai un verso que un día ha cambiar a vida de cada un. Un verso distinto para cada caso, un verso sublime, perfecto, arrebatador, máxico, catártico, capaz de remexernos e converternos noutra persoa. Loxicamente, pode ocorrer, e ocorre, que cada home e ese verso que modificaría o seu destino nunca se crucen. Habitan dimensións diferentes. Pero iso representa outra cuestión, que ten que ver non tanto coa importancia da poesía sobre a xestión dun país, do mundo, ou incluso do concello, como da axenda dos homes. Temo que non dediquen o tempo suficiente ao seu poema. Todo o contrario acontece co seu goberno. Pasamos o día mirando cara a el, como se puideramos advertir na súa natureza algún xénero de beleza. Admitamos que todo está deseñado de tal maneira que debamos pasar o día pendentes de que pasos dan os gobernantes. Cagada.


A atención sobre os gobernos deberían ser unha tarefa eternamente pendente, da que nos imos esquecendo todos os días, como cando dicimos que o próximo sábado, se non pasa nada raro, lavamos o coche. Lembra cando Tip e Coll, no intre final do seu show, anunciaban que mañá falarían do goberno? Trátase diso, de pospoñer esa cousa que parece tan transcendental, sempre para mañá. Namentres, podemos ler aos poetas, na busca do verso que nos mostre o novo, que nos mate, que nos redima, que nos enfoque.

Te puede interesar