Opinión

A IMPOSIBILIDADE DE COÑECER ÁS PERSOAS

Hai unha perturbadora secuencia en Charada, cando Peter Joshua (Cary Grant) pretende establecer conversación con Regina Lampert (Audrey Hepburn), na que ela asegura que coñece xa a multitude de persoas, e mentres non morra algunha delas resúltalle de todo punto imposible coñecer a ningunha máis. A película continúa, pero un fica enganchado nese intercambio de pareceres, como cando a porta do coche atrapa os baixos do gabán e non podes moverte. É un diálogo con púas. Aférrate. Primeiro pensas se existe un tope por riba do cal non entran máis coñecidos na túa vida. Probablemente non, dis. Tratar con persoas non é encher garrafóns, por riba de cuxa capacidade o líquido pérdese. Pero despois de responder a isto, relativamente banal, a secuencia continúa dentro de ti. Xa non é unha púa, é un martelo, unha trituradora. Pasa o inevitable, iso que Keynes dicía que, se era inelutable, non pasaba nunca. Irrompen as preguntas e o escepticismo. Como se fai para coñecer a unha persoa? Nunca se coñece realmente a unha persoa. Talvez, iso, tampouco sexa malo. Pedro Zarraluki, nesa novela inmensa que é Historia do silencio, sostén que as parellas que chegan a coñecerse demasiado, acaban desprezándose.


É certo que acumulamos datos sobre as persoas, sabemos o que len, temos idea dos seus gustos, a roupa, a música, coñecemos algúns recordos que, de cando en vez, sacan a relucir, e até adiviñaríamos en que postura dormen, que frase van dicir, en que momento sufrirán. Todo iso, no fondo, son líquidos que entran nun garrafón. Datos. Poderíamos continuar horas, semanas, anos amosando cantas cousas sabemos das persoas, pero á volta dun día, un só movemento inaudito, unha decepción, unha saída inesperada, e veriamos qué descoñecidas nos resultan. Todas as vidas teñen unha curva perigosa na que os individuos pasan a ser 'outros'. O home que fala é tamén un home que cala. Canto máis nos descubra de si mesmo, máis grande será a cortiña que o agocha.


Robert Musil, nunha escena d´O home sen atributos, fai preguntar a un personaxe: cantas son 14 e 14? O seu interlocutor contesta pensativo: 'Aproximadamente de 28 a 40'. El sabía que engadindo 14 a 14 chegábase a 28, claro, pero segundo o narrador, 'non está determinado que iso sexa a meta e non se poida seguir adiante'. Nós coñecemos as cousas, as persoas, nun determinado momento, baixo certo contexto, pero e fóra de aí, e máis adiante? Un día, nada.

Te puede interesar